AGL desenvolve en Ourense un programa de fisioterapia especializado para persoas con linfedema, lipedema e insuficiencia venosa

OurenseXa
A Deputación apoia o programa cunha subvención de 10.000 euros destinada a proxectos sociais de entidades sen ánimo de lucro
fisio-agl-lipedema
4 Aug 2026

A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema e Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) está a desenvolver ao longo deste ano un servizo de fisioterapia especializado para persoas con estas enfermidades en toda Galicia. Na provincia de Ourense benefícianse desta iniciativa un total de 22 persoas.

O programa conta coa colaboración da Deputación de Ourense, que aprobou unha subvención de 10.000 euros para apoiar o seu desenvolvemento dentro da convocatoria de axudas dirixida a entidades sociais sen ánimo de lucro para proxectos de carácter social.

A iniciativa ten como obxectivo reducir os efectos incapacitantes destas patoloxías e sensibilizar sobre a súa problemática. Para iso, ofrece dúas sesións mensuais de tratamento de mantemento mediante drenaxe linfática manual, realizadas por profesionais especializados.

Desde AGL explican que tanto o linfedema como o lipedema son “enfermidades crónicas infratratadas e infradiagnosticadas que, no caso de non recibir o tratamento correcto, poden dar lugar a un empeoramento grave e irreversible na saúde da persoa, afectando a todos os ámbitos da súa vida”.

A entidade lembra que o tratamento conservador resulta imprescindible nestas patoloxías e require a intervención coordinada de diferentes especialidades, entre elas nutrición, psicoloxía, cirurxía vascular, rehabilitación, dermatoloxía, o uso de prendas de compresión, exercicio físico e fisioterapia, considerada unha parte esencial do tratamento e avalada pola evidencia científica.

AGL leva anos desenvolvendo este programa de fisioterapia, que permite manter estabilizada a evolución da enfermidade e evitar o seu agravamento. Segundo sinala a asociación, as sesións de drenaxe linfática manual contribúen a mellorar a mobilidade das persoas afectadas, reducir o risco de infeccións e previr complicacións derivadas da falta de tratamento.

0.13371801376343