Agustín Gómez será o candidato do BNG á alcaldía de Amoeiro nas municipais de 2027

OurenseXa
Enxeñeiro de formación e profesor de profesión, Gómez afirma que afronta a candidatura “con moita ilusión e moitas ganas de traballar a prol da veciñanza de Amoeiro”.
Agustín Gómez, candidato do BNG en Amoeiro
23 Apr 2026

Agustín Gómez Bóveda, enxeñeiro de formación e profesor de profesión, foi elixido candidato do BNG á Alcaldía do Concello de Amoeiro de cara ás eleccións municipais previstas para maio de 2027.

Durante o acto de presentación, o deputado Iago Tabarés comezou a súa intervención agradecendo “todo o traballo feito polo compañeiro Eri ao longo dos últimos anos” e puxo en valor a traxectoria do novo candidato e do equipo local. Neste sentido, destacou “o gran compromiso social e político de Agustín e do resto das compañeiras e compañeiros da agrupación local, pois veñen traballando desde hai moito tempo e o seguirán facendo pero a partir do ano que ven xa dentro da institución pois como BNG non nos pomos límites”.

Pola súa parte, Cristina Pulido, integrante da agrupación local de Amoeiro, subliñou o traballo realizado pola militancia ao longo do tempo e explicou que se levou a cabo un proceso interno de renovación. Nas súas palabras, “levamos a cabo un proceso de renovación a través do cal a Asemblea local decidiu escoller a Agustín Gómez como candidato”. Ademais, engadiu que “o compromiso de Agustín con Amoeiro, o seu bo facer e a súa capacidade de traballo” fan que, ao seu xuízo, “deixamos Amoeiro nas mellores mans”.

O propio Agustín Gómez tomou a palabra para agradecer o apoio recibido, afirmando que “a confianza que depositan en min” supón un impulso importante para asumir o reto. Neste sentido, asegurou que afronta a candidatura “con moita ilusión e moitas ganas de traballar a prol da veciñanza de Amoeiro”.

De cara aos próximos meses e ás eleccións municipais, o candidato do BNG sinalou a necesidade de analizar a situación do municipio, apuntando que “que cambiou no Concello de Amoeiro nos últimos catro anos e o certo é que non vemos ningún avance significativo en ningún ámbito”.

Na súa intervención, Gómez tamén mencionou a falta de melloras en distintos servizos municipais, como a atención ás persoas maiores ou dependentes, a conciliación, a prevención de incendios forestais ou o transporte público, cuestións que, segundo indicou, “están a xerar moita inquedanza entre a veciñanza”.

Así mesmo, fixo referencia ao contexto cultural do municipio, nun ano especialmente significativo, ao sinalar a ausencia de iniciativas arredor da figura dun dos veciños máis ilustres de Amoeiro. Neste sentido, afirmou que “botamos de menos campañas de divulgación da súa figura pois seguramente moita xente non o coñece coa profundidade que debera”.

Finalmente, o candidato destacou a intención do BNG de reforzar o contacto coa cidadanía nos próximos meses, co obxectivo de elaborar un programa electoral baseado nas demandas veciñais e no potencial do municipio.

0.11661887168884