AJE Ourense premia o emprendemento
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participaron hoxe na XIII edición dos Premios da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Ourense. Aproveitando o acto de entrega destes galardóns, puxeron de relevo a estratexia de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 con apoios ao emprendemento como a Rede de polos que ten despregados catro centros na provincia, en concreto, en Verín, O Carballiño, O Barco de Valdeorras e Baños de Molgas.
Nesa liña, salientaron que a Rede que conta xa con 15 Polos tras a inauguración do de Vilanova de Arousa leva atendido desde a posta en marcha da iniciativa en xullo de 2022 máis de 2.800 proxectos, case un 60% deles impulsados por mulleres. Coas persoas emprendedoras que recorreron a ela téñense realizado máis de 7.700 sesións de titorización. Así mesmo, contabilízanse arredor dun milleiro de accións entre reunións con entidades do territorio, formacións e eventos.
O acto tamén serviu para destacar a colaboración entre AJE e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para facilitar a remuda xeracional á fronte dos negocios, especialmente no rural, afondando na viabilidade das empresas. Nese senso, cómpre destacar que o 7% das iniciativas asesoradas pola Rede de polos buscan novas persoas que se poñan ao cargo para asegurar o seu mantemento no seo do tecido produtivo galego.
Por último, aludindo ao apoio á xente nova por parte da Xunta, tamén se puxo en valor a nova Estratexia Mocidade Activa que en 2025 contará con distintos apoios para este segmento da poboación, no caso da Consellería de Emprego, incluíndo o programa de primeira experiencia profesional ou o Galicia Emprega para a xente moza.