Alberte Montes levará o espectáculo “Galego pode selo calquera” a catro concellos galegos dentro do programa FalaRedes

GaliciaXa | AMariñaXa | OurenseXa
O actor e humorista actuará no Carballiño, Boiro, Ribadeo e Toén cun monólogo sobre a identidade galega e o orgullo pola lingua
alberte-montes-galego-pode-selo-calquera
16 Jul 2026

O actor e humorista Alberte Montes regresará este verán aos escenarios galegos co espectáculo “Galego pode selo calquera”, unha proposta de humor incluída no programa de dinamización da lingua galega FalaRedes, impulsado pola Secretaría Xeral da Lingua.

A xira contará con catro actuacións de acceso gratuíto. A primeira terá lugar este venres, 17 de xullo, ás 21:00 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño. O 25 de xullo chegará ao Centro Social de Escarabote, en Boiro, ás 20:00 horas, mentres que o 26 de xullo será a quenda de Ribadeo, cunha actuación prevista ás 20:30 horas no Campo de San Francisco. O percorrido rematará o 8 de agosto no Campo da Festa de Alongos, no concello de Toén, tamén ás 20:30 horas.

Baixo a produción de Hermanager Producións, o espectáculo regresa aos escenarios grazas á colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, que o incorpora á programación de FalaRedes co obxectivo de promover o uso do galego a través da cultura e do humor.

Un monólogo sobre a identidade galega

En “Galego pode selo calquera”, Alberte Montes reflexiona en clave humorística sobre o xeito de ser dos galegos, revisando tópicos e estereotipos que historicamente se empregaron para ridiculizar a identidade galega.

O espectáculo propón unha mirada actual sobre esa realidade, defendendo que os tempos da autoxenreira quedaron atrás e reivindicando o orgullo de ser galego. A través do humor, o monólogo invita a rir dos propios defectos, combater os prexuízos e poñer en valor as diferenzas, facendo tamén unha defensa da lingua galega como un dos principais sinais de identidade.

Alberte Montes desenvolveu a súa carreira como actor, cómico e guionista en televisión, cine, teatro, radio e publicidade. Na Televisión de Galicia protagonizou series como Do dereito e do revés e Augasquentes, ademais de participar noutras producións como Rapa, Vida Perfecta ou Mano de Hierro. Tamén formou parte do elenco de El Pueblo e interpretou o personaxe de Padín na serie Fariña.

No cine participou en títulos como Bird Box Barcelona, El Olivo, REC 4, Dos días e Catorce de marzo, esta última pendente de estrea na Berlinal. Como humorista, colaborou en programas como Land Rober, Tourilandia, Buenas noches y Buenafuente, En el aire, Los lunes al gol e Los infiltrados, ademais de presentar recentemente o espazo No hay pasión pequeña.

Ao longo da súa traxectoria teatral leva preto de dúas décadas sobre os escenarios e acumula arredor de mil actuacións en directo, formando parte tamén da canle Comedy Central, onde gravou dous especiais de stand-up comedy.

0.12852096557617