Alcer Ourense celebra este mércores o Día Nacional do Doante

OurenseXa
Durante a mañá, instalarase unha mesa informativa no CHUO e pola tarde terá lugar un acto institucional no Concello e unha actuación de baile na Praza Maior
alcer-ourense-dia-mundia-ril
2 Jun 2026

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (ALCER) Ourense desenvolverá este mércores, 3 de xuño, unha programación especial con motivo do Día Nacional do Doante, que combinará accións informativas, un acto institucional e unha actividade cultural na capital ourensá.

A xornada comezará pola mañá no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde se instalará unha mesa informativa na entrada da área de hospitalización entre as 11:00 e as 13:00 horas. Neste espazo tamén está prevista, desde o inicio da actividade, a recepción de autoridades e representantes dos medios de comunicación, coa participación da xefa territorial de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo, e da xerencia do propio hospital.

Pola tarde, a programación trasladarase ao Concello de Ourense, onde ás 18:30 horas terá lugar un acto institucional no Salón de Plenos centrado na realidade da doazón de órganos. O encontro incluirá testemuños en primeira persoa, cunha persoa receptora e unha doante viva, que compartirán as súas experiencias para visibilizar o impacto humano e social deste tipo de xestos solidarios.

A xornada pecharase ás 19:00 horas na Praza Maior cunha actuación da escola de baile Only You, que se suma á campaña de sensibilización impulsada por ALCER Ourense.

Dende a entidade organizadora convidan aos medios de comunicación a participar na cobertura dos diferentes actos co obxectivo de contribuír á difusión da importancia da doazón e do seu impacto na vida de milleiros de persoas.

0.14073491096497