ALCER Ourense celebra o Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos

O Salón de Plenos do Concello de Ourense foi escenario esta tarde dun acto institucional con motivo do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos 2026, organizado pola Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense (ALCER Ourense) coa colaboración do propio Concello.
A iniciativa reuniu representantes de todos os grupos políticos municipais e tivo como obxectivo recoñecer a solidariedade das persoas doantes, ademais de sensibilizar a cidadanía sobre a relevancia da doazón como un xesto que pode salvar vidas.
O acto deu comezo arredor das 18.30 horas coa apertura a cargo do tenente de alcalde, Aníbal Pereira. A continuación interviñeron o presidente de ALCER Ourense, Miguel Ángel Quintas, e a coordinadora de transplantes do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), Estefanía Prol. Durante a sesión proxectouse tamén un vídeo informativo elaborado pola doutora Cristina Pérez Melón.
Un dos momentos máis destacados e emotivos produciuse coas intervencións de Sonia e Verónica, que compartiron as súas experiencias persoais vinculadas á doazón en vida e ao proceso de transplante de ril. O acto pechouse coa intervención da concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, que puxo en valor a importancia de seguir fomentando a cultura da doazón na sociedade.
A celebración finalizou na Praza Maior onde se puido presenciar a actuación da escola de baile Only You, en apoio á sensibilización sobre a doazón de órganos e tecidos.