ALCER Ourense conmemorará o Día Nacional do Doante con actividades por toda a provincia

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense, ALCER Ourense, desenvolverá diferentes actividades de sensibilización na provincia con motivo do Día Nacional do Doante, que se conmemora o vindeiro 3 de xuño.
A entidade porá en marcha un programa que se estenderá entre o 1 e o 3 de xuño e que terá como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a importancia da doazón de órganos e tecidos, ademais de poñer en valor o impacto deste xesto solidario na vida de milleiros de persoas.
As accións comezarán o luns 1 de xuño cunha mesa informativa no Hospital Comarcal de Valdeorras, no Barco, en horario de 10.00 a 13.00 horas. O martes 2 será a quenda do Hospital Comarcal de Verín, tamén entre as 10.00 e as 13.00 horas.
O mércores 3 de xuño, día central da conmemoración, instalarase unha mesa informativa na entrada de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), no mesmo horario. En ambos os casos está prevista a presenza de autoridades e atención a medios a partir das 11.00 horas.
Ese mesmo día pola tarde, ás 18.30 horas, o Salón de Plenos do Concello de Ourense acollerá un acto institucional no que se abordará a realidade da doazón de órganos a través de testemuñas en primeira persoa. Participarán unha persoa receptora e unha doante viva, ademais de profesionais do Servizo de Nefroloxía e do equipo de coordinación de transplantes do CHUO. A xornada completarase ás 19.00 horas cunha actuación da escola de baile Only You na Praza Maior de Ourense.
Desde ALCER Ourense anímase á participación nas actividades e á información sobre a doazón, lembrando que “doar órganos é doar vida”. Segundo o “Balance da actividade de doazón e transplante de órganos en Galicia 2025” da Xunta de Galicia, no último ano realizáronse 429 transplantes na comunidade e rexistráronse 143 doadores, 13 deles na provincia de Ourense. O informe sinala un incremento do 4% respecto ao ano anterior e sitúa a taxa galega en 52,8 doadores por millón de habitantes, por riba da media estatal.