ALCER Ourense pon en marcha un proxecto de voluntariado para paliar o illamento das persoas con enfermidade renal

Acudir a unha cita médica, facer un trámite, ir á compra ou simplemente gozar dun momento de lecer son xestos cotiáns que, para moita xente, resultan sinxelos, pero que poden complicarse cando non se conta cunha rede de apoio próxima. É o caso dalgunhas persoas con enfermidade renal crónica, para quen ter alguén ao seu carón nestes momentos non é só unha axuda puntual, senón un factor que pode influír directamente na súa autonomía, nas súas relacións sociais e na súa participación no día a día.
Con esta realidade como punto de partida, ALCER Ourense presentou 'Acompañar é dar vida', un proxecto de voluntariado enmarcado no programa 'Colabora con ALCER'. A iniciativa busca dar a coñecer entre a sociedade ourensá as necesidades de acompañamento vinculadas á enfermidade renal e poñer en valor o traballo das persoas voluntarias.
A entidade xa conta con persoas voluntarias que participan en acompañamentos puntuais, mesas informativas e outras actividades. Con todo, ALCER Ourense detectou novas demandas de apoio entre as súas persoas usuarias e considera que un dos principais retos pasa polo relevo xeracional, de xeito que o voluntariado tamén chegue a persoas máis novas, con diferente dispoñibilidade e formas de colaborar.
Neste sentido, o presidente da asociación, Miguel Ángel Quintas Barros, sinalou que o voluntariado formou sempre parte da historia da entidade e que resulta esencial que as novas xeracións coñezan esta realidade e descubran que, desde o seu propio tempo e posibilidades, poden marcar unha diferenza na vida doutras persoas.
Unha das patas principais do proxecto son as charlas informativas e de sensibilización, nas que se explica en que situacións pode resultar necesario o acompañamento dunha persoa voluntaria. Estas sesións, xa celebradas ou previstas, están a desenvolverse en distintos puntos da cidade, entre eles Albor, o Centro Integral de Servizos Aixiña, o Espazo Xove e o Centro Sociocomunitario de Ourense.
O proxecto tamén recolle o testemuño de quen xa colabora como voluntario na entidade. Os seus relatos amosan que acompañar non implica necesariamente grandes xestos, senón dedicar tempo, escoitar e estar dispoñible cando alguén o precisa. Así o resume Avelina Basalo, voluntaria de ALCER Ourense, quen asegura que "non se necesita moito tempo" e que "con ganas e ilusión pódese axudar a moitas persoas".
Pola súa banda, Ana Salgado, traballadora social da entidade encargada de impartir as charlas de sensibilización, subliña que estas sesións serven tamén para explicar que a enfermidade renal ten unha dimensión social que ás veces queda relegada a un segundo plano. Segundo indica, o obxectivo é que a cidadanía coñeza esa realidade, entenda que necesidades poden xurdir e descubra as distintas formas de implicarse.
Ás charlas presenciais súmase a difusión a través das redes sociais de ALCER Ourense —Instagram, Facebook e X—, con contidos orientados a chegar a novos públicos e compartir experiencias reais relacionadas co voluntariado e o acompañamento.
Deste xeito, 'Acompañar é dar vida' aspira a ampliar o voluntariado cara a novos espazos e xeracións, sen deixar de lado a experiencia de quen xa colabora coa entidade, combinando ambas as perspectivas para seguir atendendo as necesidades de acompañamento que rodean a enfermidade renal.