ALCER Ourense reforza a atención a persoas con enfermidade renal crónica grazas ao apoio da ‘X solidaria’

OurenseXa
Desde a asociación salientan que estes fondos permiten dar continuidade ao programa “Atención social, asesoramento e intervención II”
alcer-ourense-programa-acompañamento
23 Apr 2026

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (ALCER) de Ourense recibiu no mes de xaneiro unha subvención a través da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), no marco das axudas vinculadas á ‘X solidaria’ da declaración da renda impulsadas pola Xunta de Galicia.

Estes fondos permiten dar continuidade ao programa “Atención social, asesoramento e intervención II”, un servizo que ofrece información e acompañamento individualizado a persoas con enfermidade renal crónica (ERC) e ás súas familias. A atención abrangue tanto as fases iniciais da enfermidade como os estadios máis avanzados, nos que xa é necesario tratamento renal sustitutivo.

O programa é desenvolvido por persoal de traballo social da entidade e combina a atención presencial coa telemática. Ao longo de 2026, foron atendidas ata o momento 20 persoas na provincia de Ourense, e prevese que a cifra poida ascender ata arredor de 40 usuarios nos próximos meses.

Dende o terceiro sector, este tipo de financiamento considérase clave para garantir a continuidade de servizos sociais. A achega procedente da casilla 106 do IRPF permite que os contribuíntes destinen parte dos seus impostos a fins sociais sen custo adicional, contribuíndo así ao sostemento de proxectos de atención a colectivos vulnerables.

A enfermidade renal crónica caracterízase pola perda progresiva da función dos riles e presenta unha incidencia en aumento, cun crecemento próximo ao 30% na última década. Informes recentes apuntan, ademais, a que podería converterse nunha das principais causas de mortalidade en España cara ao ano 2040.

Neste contexto, ALCER Ourense subliña a importancia do acompañamento profesional tras o diagnóstico, xa que a convivencia coa enfermidade implica cambios significativos na vida diaria das persoas afectadas.

0.1319420337677