Alcohólicos Anónimos celebra o seu 91 aniversario con actividades informativas en Ourense

Alcohólicos Anónimos conmemora este 10 de xuño o seu 91 aniversario a nivel mundial, unha efeméride que a organización aproveitará para desenvolver distintas actividades divulgativas na cidade de Ourense.
Como parte desta celebración, o martes 9 de xuño membros da entidade impartiron unha charla no Colexio de Salesianos, nun encontro dirixido ao alumnado que contou tamén coa participación da asociación Al-Anon, orientada ao acompañamento e recuperación de familiares de persoas con problemas de alcoholismo. A actividade desenvolveuse entre as 10:10 e as 11:00 horas.
Ademais, o mércores 10 de xuño, coincidindo coa data do aniversario, a organización instalará unha mesa informativa no Hospital de Ourense, no edificio novo do CHUO, onde permanecerán entre as 10:00 e as 13:00 horas para dar a coñecer o seu labor e resolver dúbidas da cidadanía.
Alcohólicos Anónimos naceu en 1935 en Akron (Ohio, Estados Unidos) cun enfoque pioneiro para a súa época: considerar o consumo compulsivo de alcohol como unha enfermidade. Co paso das décadas, este enfoque foi tamén asumido pola comunidade científica, consolidando o modelo de axuda mutua impulsado pola organización.
Na actualidade, Alcohólicos Anónimos está presente en máis de 180 países, con miles de reunións semanais e literatura traducida a máis de 100 idiomas. En España conta con arredor de 600 grupos, dos cales 16 atópanse en Galicia. Na provincia de Ourense funcionan varios puntos de reunión, entre eles o grupo da cidade, o de Celanova e o situado no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, destinado exclusivamente a internos.
A entidade recibiu distintos recoñecementos a nivel internacional, como o Premio Lasker de Saúde Pública en 1951 ou o Premio de Acción Voluntaria outorgado na Casa Branca en 1983, ademais de distincións en España polo seu labor de apoio e acompañamento. Non obstante, a organización destaca que mantén como principio fundamental o anonimato dos seus membros e o carácter confidencial do seu labor.
Alcohólicos Anónimos lembra que ofrece un programa de axuda gratuíto, confidencial e compatible con outros tratamentos, cuxo único requisito de acceso é o desexo de deixar de consumir alcohol.