A subdeleción do Goberno en Ourense alerta do aumento de fraudes telemáticos dirixidos a persoas maiores

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, advertiu do incremento das estafas vinculadas a medios telemáticos que teñen como obxectivo ás persoas maiores, durante a presentación dunha charla informativa organizada pola Policía Nacional no Liceo de Ourense, en colaboración coa Subdelegación do Goberno e a Asociación Mulleres +60.
A actividade enmárcase no Plan Maior do Ministerio do Interior, un programa orientado á prevención e á mellora da seguridade deste colectivo. A sesión abordou recomendacións prácticas para diferentes ámbitos da vida cotiá, como o fogar, a vía pública, as entidades bancarias, as compras, as viaxes e o uso de internet. No acto participaron tamén a presidenta da Asociación Mirada Mulleres +60, María Antonia Rinlo, e o inspector xefe de Participación Cidadá da Policía Nacional en Ourense, Felipe Rodríguez.
Durante a súa intervención, Santos destacou que as estafas informáticas medraron un 12,5 % na cidade de Ourense o pasado ano en comparación con 2024 e advertiu de que “os ladróns e os estafadores buscan aproveitarse das persoas vulnerables, pero o Goberno de España traballa para poñerlle freo a estes delitos con información e prevención”.
O subdelegado puxo o acento na importancia da sensibilización e da información como ferramentas clave para reducir riscos, sinalando que este tipo de iniciativas permiten identificar situacións perigosas no día a día. Neste sentido, agradeceu o labor divulgativo da Policía Nacional e subliñou que “os axentes fan un importante traballo para protexer e informar á xente maior, esencial para frear a inseguridade”.
Durante a charla trasladáronse distintas recomendacións orientadas a previr fraudes e roubos. Así, no ámbito bancario insistiuse na conveniencia de non levar anotadas as claves ao empregar caixeiros, manter a atención na contorna, evitar retiradas elevadas de efectivo e protexer o teclado ao introducir o PIN, ademais de priorizar a domiciliación de pagos e acudir acompañado en operacións relevantes. No relativo ás viaxes, recomendouse non esquecer a documentación, manter controlada a equipaxe, levar só o imprescindible e non confiar as maletas a persoas descoñecidas.
No fogar, fíxose fincapé en non abrir a porta a descoñecidos, desconfiar de visitas que ofrezan servizos ou se presenten como representantes de entidades sen acreditación e verificar sempre a identidade de quen realice revisións ou cobros. Pola súa banda, na vía pública aconsellouse camiñar pola zona interior da beirarrúa, evitar exhibir obxectos de valor e rexeitar ofertas sospeitosamente vantaxosas.
En relación co uso de internet, advertiuse sobre a necesidade de non facilitar datos persoais ou bancarios ante mensaxes supostamente procedentes de entidades financeiras, evitar compras en páxinas que non garantan a seguridade e actuar con cautela nas redes sociais, así como desconfiar de ofertas excesivamente atractivas.
A iniciativa busca reforzar a prevención e ofrecer ferramentas sinxelas que permitan ás persoas maiores recoñecer situacións de risco e actuar con maior seguridade no seu día a día.