Alexandre Cabanelas presenta o seu novo disco de jazz no Auditorio Municipal do Carballiño

O músico carballiñés Alexandre Cabanelas dará a coñecer o seu último traballo discográfico, titulado 'Noitébrega', nun concerto que terá lugar o sábado 17 de outubro no Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño.
O saxofonista actuará xunto á súa formación Alexandre Cabanelas Trío, coa que interpretará tanto pezas de creación propia como versións de temas clásicos do repertorio xazzístico. Trátase dunha agrupación particular dentro do xénero, xa que prescinde do contrabaixo habitual neste tipo de formacións.
Durante a presentación do evento, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, destacou a satisfacción do Concello por seguir respaldando a produción musical local. "É un auténtico orgullo para nós seguir apostando e desfrutando da música feita no Carballiño", afirmou o edil, quen tamén quixo poñer en valor a traxectoria do artista, lembrando que a súa formación musical comezou no Conservatorio da localidade.
O concelleiro felicitou a Cabanelas por este novo proxecto discográfico e animou á veciñanza a asistir á cita para descubrir a nova proposta do músico.
Pola súa banda, o propio Cabanelas amosou a súa satisfacción por poder presentar o disco na súa localidade natal, sinalando que se trata do primeiro traballo gravado con esta formación en trío, que se diferencia doutras agrupacións semellantes precisamente por prescindir do contrabaixo. Xunto ao saxofonista carballiñés completan o trío Héctor Pérez á batería e Efrén Nóvoa ao baixo eléctrico.
O concerto comezará ás 20.00 horas e contará con entrada gratuíta ata completar aforo. A actuación enmárcase dentro da colaboración coa Rede de Teatros e Auditorios de Ourense.