Alfonso Rueda preside a Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, acompañado pola vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez, e o presidente do partido na provincia, Luis Menor, presidiron na tarde deste mércores a Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense.
Durante o encontro, Rueda destacou "a importancia de seguir ofrecendo estabilidade, rigor e xestión á cidadanía a través duns orzamentos que o Goberno galego presentará mañá e que serán aprobados en tempo e forma por décimo sexto ano consecutivo".
Pola súa banda o presidente provincial subliñou que a nova estrutura do partido, aprobada no Congreso Provincial extraordinario de xullo, permite ao PP de Ourense “seguir demostrando que estamos ao lado da xente, sen partidismos, centrados nas súas preocupacións”, destacando ao mesmo tempo a capacidade para chegar a todo o territorio.
Tomando como punto de partida esta presenza por toda a provincia, Luis Menor anunciou a celebración a finais de mes dunha Interparlamentaria ourensá cuxo eixo temático será o mundo rural. Así, o 26 de outubro os representantes no Congreso, Senado, Parlamento de Galicia e Deputación, un por cada institución, detallarán o traballo que veñen realizando a favor do rural ourensán, analizando a súa situación e propoñendo iniciativas.
Na súa intervención, Menor sinalou tamén que tras o congreso de xullo o partido demostrou a súa eficacia para incrementar a súa capacidade de traballo, “do que dan boa fe as 187 persoas que forman parte desta nova etapa do PP de Ourense e ata os 220 membros desta Xunta Directiva”. Unha nova estrutura orgánica que, sinalou, teñen o encargo de “levar as nosas mensaxes da maneira máis segmentado posible á sociedade ourensá”.
Repasou tamén o presidente provincial a actividade desenvolvida polo PP ourensán desde xullo, “cunha intensa vida política na sede provincial” coa constitución das 13 vicesecretarías, 9 comités de traballo e 14 coordinacións de área que forman parte da estrutura do PP de Ourense, ademais de reunións todas as semanas para analizar a situación política da provincia e da cidade e a recepción por parte da presidencia a máis de medio centenar de persoas “entre representantes de agrupacións locais, portavoces municipais, afiliados e mesmo novos militantes”.
Ademais, Menor seguir que o partido “segue a dar pasos firmes para facer realidade as 12 propostas que forman parte do documento Compromiso por Ourense, asinado co presidente Rueda, cun cumprimento do 60 % entre medidas e proxectos en marcha o xa realizados”.