Allariz abre un Posto de Actualización de Documentación (PAD) para renovar certificados electrónicos

OurenseXa
O servizo facilitará a realización de trámites como a renovación dos certificados electrónicos e o cambio das claves de acceso aos certificados do DNI de maneira rápida e sen complicacións
Castro Vázquez e Cristina Cid
Castro Vázquez e Cristina Cid
29 Jan 2025

O Concello de Allariz xa conta cun Posto de Actualización de Documentación (PAD) que permitirá a renovación de certificados electrónicos e o cambio de claves de acceso aos certificados do Documento Nacional de Identidade (DNI).

Hoxe pola mañá, Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, recibiu nas dependencias municipais ao comisario Castor Vázquez. Durante a súa visita, supervisaron xuntos a posta en marcha do novo PAD e recibiron as explicacións sobre o fácil manexo deste sistema, deseñado para ser intuitivo e accesible.

O PAD foi presentado como un servizo innovador que mellorará a atención ás persoas cidadás de Allariz, facilitando a realización de trámites como a renovación dos certificados electrónicos e o cambio das claves de acceso aos certificados do DNI de maneira rápida e sen complicacións.

O comisario Castor Vázquez aproveitou a ocasión para agradecer á Alcaldía e ao Concello de Allariz a súa colaboración desde o primeiro momento, destacando a axuda e o apoio recibido para a posta en marcha deste servizo no municipio.

A visita subliñou o compromiso do Concello de Allariz co acceso á administración electrónica e coa mellora dos servizos públicos ofrecidos ás veciñas e veciños. O PAD está instalado no primeiro piso do edificio do Concello, con acceso tanto por escaleiras como por ascensor, para facilitar a accesibilidade e o uso a toda a cidadanía.

0.17557001113892