Allariz acolle un debate educativo sobre o impacto das pantallas na infancia e adolescencia

OurenseXa
Será este venres na Casa da Cutura e pretende abrir un espazo de reflexión sobre o uso dos dispositivos dixitais nos ámbitos familiar, educativo e social
charla-pantallas-allariz
20 May 2026

A Casa da Cultura de Allariz acollerá este venres, 22 de maio, un encontro centrado no impacto do uso das pantallas na infancia e adolescencia baixo o lema “Medrar con pantallas NON é igual a progreso”. O acto servirá tamén para clausurar a exposición do ilustrador galego Kiko Da Silva co mesmo título.

A actividade está promovida polas ANPAS Airiña e Vilanova de Allariz, coa colaboración do Concello de Allariz, da plataforma Adolescencia Libre de Móbiles e da campaña “Escola saudable” impulsada por Ecoloxistas en Acción.

O encontro, previsto para as 19.00 horas, pretende abrir un espazo de reflexión sobre o uso dos dispositivos dixitais nos ámbitos familiar, educativo e social, facendo especial fincapé nas consecuencias do acceso precoz e desregulado ás pantallas e na necesidade de impulsar acordos familiares para atrasar a chegada do primeiro smartphone.

O relatorio principal correrá a cargo de Xulio Carmona, enfermeiro de saúde mental, experto en adiccións tecnolóxicas e coordinador da campaña “Escola saudable”, ademais de colaborador do Movemento OFF e participante na plataforma Adolescencia Libre de Móbiles.

Durante o faladoiro abordaranse cuestións relacionadas cos efectos das pantallas na saúde física e mental, no neurodesenvolvemento e na aprendizaxe, así como o impacto ambiental asociado ao modelo dixital e as estratexias algorítmicas vinculadas ás redes sociais e ás plataformas tecnolóxicas.

A organización tamén dará a coñecer os consensos científicos existentes arredor deste tema e lembrará as recomendacións da Asociación Española de Pediatría sobre o tempo de exposición ás pantallas en menores. Segundo estas directrices, recoméndase “CERO pantallas até os 6 anos”, menos dunha hora diaria entre os 7 e os 12 anos e menos de dúas horas a partir dos 13, incluíndo o tempo escolar e os deberes.

No acto explicaranse ademais medidas prácticas orientadas a atrasar ou regular o uso de dispositivos dixitais entre menores, así como os chamados “pactos de familia” promovidos por Adolescencia Libre de Móbiles.

A programación incluirá tamén a proxección dos catro vídeos da campaña “Escola saudable” e a distribución de materiais divulgativos, entre eles a guía ilustrada de Kiko Da Silva “Medrar con pantallas non é progreso” e folletos con orientacións prácticas dirixidas ás familias.

0.12864899635315