Allariz acolle unhas xornadas sobre literatura fantástica en linguas ibéricas con conferencias, coloquios e música antiga

OurenseXa
O encontro desenvolverase venres e sábado na Fundación Vicente Risco e contará con autores, podcasts en directo e presentacións de libros
xornadas-portalen-vicente-risco
11 Jun 2026

A sede da Fundación Vicente Risco en Allariz acollerá mañá e pasado, venres 12 e sábado 13 de xuño, as Xornadas de literatura fantástica actual en linguas ibéricas PORTALEN, un encontro que reunirá autores, investigadores e público arredor do xénero fantástico, a ciencia ficción e o terror.

O programa arrancará o venres ás 16.00 horas coa recepción dos participantes, seguida da conferencia inaugural “Unha ollada á literatura fantástica galega no século XXI”, a cargo de Alba Rozas Arceo. A continuación celebrarase un coloquio sobre a literatura fantástica actual na Península Ibérica e fóra dela, no que participarán Francisco Gallego, Pedro Cipriano, Tomás G. Ahola, Sergio Pérez, Carlos Di Urarte, Gareth Evans, Isabel del Río e Nuno Gonçalvez, baixo a moderación de Manuel Dopazo.

A xornada do venres continuará cunha presentación e sinatura de libros de Alba de Evan, Anxo Mouzo Moreira e Nuno Gonçalvez. Xa pola tarde, emitirase en directo o podcast “Baleiro Perfecto”, centrado na fantasía e a ciencia ficción en galego, cun especial dedicado ao ciclo Terramar de Ursula K. Le Guin. No programa participarán Alba Rozas, Carlos Pereiro, Guillermo Rodicio e Pablo Pesado, xunto ao tradutor da saga ao galego, Tomás G. Aloha, e coa intervención do público asistente. A xornada pecharase cunha cea.

O sábado 13 de xuño abrirase cun coloquio sobre a escrita de fantasía, ciencia ficción e terror na actualidade, no que intervirán Alba de Evan, Anxo Mouzo, Carlos Di Urarte, Carlos Vega, Gareth Evans, Isabel del Río e Nuno Gonçalvez, moderados por Alba Rozas. Tras un novo descanso e unha sesión de sinatura de libros con varios autores, o programa continuará cun terceiro coloquio centrado nos desafíos da publicación de literatura fantástica, coa participación de Alba Rozas, Francisco Gallego, Manuel Dopazo, Pedro Cipriano e Sergio Pérez, moderados por Tomás G. Aloha.

As xornadas pecharanse ás 18.30 horas cun acto de clausura e, xa ás 20.00 horas, cun concerto de música antiga da Oficina Utricularii na Igrexa de Santiago, dirixido por Paulo Gonçalves.

O encontro está organizado pola Fundación Vicente Risco e a editorial Dr. Alveiros, coa colaboración de Boadicea Editora, Editorial Mai Més, librería El Transbordador e Grupo Editorial Divergência, e conta co apoio do Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de Allariz.

0.1537880897522