Allariz acollerá a primeira edición do festival Contempo con dous días de música, arte e actividades culturais

Allariz será o escenario da primeira edición de Contempo, un novo festival cultural centrado na música e na relación co territorio que se desenvolverá os días 17 e 18 de xullo no centro histórico da vila e no Ecoespazo O Rexo.
A programación arrancará o venres 17 de xullo no centro de Allariz, onde entre as 15.00 e as 23.00 horas se desenvolverán distintas actividades culturais e musicais. O programa incluirá propostas fronte ao Museo do Coiro e tamén un espazo con encontro musical e pop-up record store no Espazo Piplot.
O sábado 18 de xullo o festival trasladarase ao Ecoespazo O Rexo, onde terá lugar a xornada principal a partir das 11.00 horas. O espazo acollerá dous escenarios con actuacións de DJ nacionais e internacionais, ademais de instalacións artísticas, charlas con profesionais e proxectos vinculados a espazos culturais colaborativos.
A programación completarase con un mercado de artesanía e arte, oferta gastronómica con opcións vexetarianas e espazos pensados para o público familiar, con actividades tamén para nenos e nenas.
Dende a organización destacan que Contempo nace co obxectivo de combinar música, creación contemporánea e territorio, apostando por un formato que integra natureza, cultura e participación durante toda a xornada.