Allariz acollerá a terceira Pasarela Solidaria a favor da loita contra o cancro

OurenseXa
Será o 15 de maio e a recadación irá destinada á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense
pasarela-solidaria-allariz
29 Apr 2026

O Concello de Allariz reafirma o seu compromiso coa loita contra o cancro colaborando, un ano máis, na Pasarela Solidaria que neste 2026 celebra a súa terceira edición. O evento terá lugar o venres 15 de maio ás 19:00 horas no Hotel Eurostars Vila de Allariz e destinará a súa recadación á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense.

A iniciativa, promovida pola cidadanía e co apoio do tecido comercial local, combina moda e solidariedade co obxectivo de recadar fondos para apoiar programas dirixidos a pacientes e ás súas familias. Comercios, profesionais e persoas voluntarias participan de maneira desinteresada na organización dunha cita que xa se consolida no calendario local.

Na presentación oficial participaron representantes municipais, así como membros da AECC e da organización do evento, destacando a importancia da colaboración entre institucións, comercio e veciñanza para sacar adiante propostas con impacto social.

Dende o goberno local subliñan o valor deste tipo de iniciativas, que non só contribúen á investigación e apoio ás persoas afectadas polo cancro, senón que tamén fortalecen o tecido económico e social de Allariz. Ademais, lembran o éxito da pasada edición, na que se superaron os 3.400 euros de recadación, e confían en acadar ou mesmo mellorar esa cifra este ano.
As rifas solidarias xa están dispoñibles en distintos puntos de venda da vila, e o Concello anima á participación para seguir sumando esforzos nesta causa.

0.11960816383362