Allariz acollerá en Semana Santa o Campus Multideporte 2025

OurenseXa
A actividade incluirá unha ampla gama de deportes, como fútbol sala, baloncesto, hóckey, karate, rugby, esgrima e tiro con arco, entre outros
Presentación do Campus Multdeporte 2025 en Allariz
Presentación do Campus Multdeporte 2025 en Allariz
18 Feb 2025

Ociosaugal organiza o Campus Multideporte 2025, que se celebrará os días 14, 15 e 16 de abril no Polideportivo Municipal situado no CEIP Padre Feijoo de Allariz, coa colaboración do Concello de Allariz. Este evento está dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos, ofrecendo unha experiencia deportiva variada e divertida.

O campus desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 horas, con posibilidade de ampliación opcional de 9:00 a 10:00 horas. A actividade incluirá unha ampla gama de deportes, como fútbol sala, baloncesto, hóckey, karate, rugby, esgrima e tiro con arco, entre outros.
A inscrición no campus inclúe seguro médico, camiseta conmemorativa e diploma, ademais de contar con persoal monitor titulado, que garantirá a seguridade e a aprendizaxe das crianzas participantes.

As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web de Ociosaugal ou de forma presencial na oficina situada en C/ Os Carrís, 6 (A Valenzá). Para máis información, está dispoñible o teléfono 664 518 705.

O Concello de Allariz anima a todas as familias a participar nesta iniciativa, que promove o deporte e a convivencia nun ambiente saudable e seguro.

A actividade programada para este 2025 foi presentada por Sara Pato, representante de Ociosaugal, e Carlos Puga, concelleiro de Deportes, quen destacou a importancia do deporte na formación e desenvolvemento da infancia.

Carlos Puga subliñou que “o Concello de Allariz aposta por colaborar neste tipo de iniciativas, que fomentan hábitos saudables e valores como o compañeirismo e o esforzo desde idades temperás. Este campus é unha excelente oportunidade para que as crianzas da nosa localidade teñan acceso a unha ampla variedade de disciplinas deportivas nun ambiente seguro e divertido.”

0.17014002799988