Allariz celebra o Día Internacional de Tecer en Público cun encontro aberto no Paseo da Alameda

Allariz acollerá este luns 15 de xuño unha actividade con motivo do Día Internacional de Tecer en Público, unha xornada pensada para compartir creatividade, aprendizaxe e convivencia arredor do tecido artesanal.
O encontro terá lugar no Paseo da Alameda a partir das 18:00 horas e está aberto á participación de ganchilleiras, tecedoras, bordadoras, calceteiras e outras persoas vinculadas ou interesadas neste oficio tradicional.
A organización convida ás persoas asistentes a levar o seu propio labor de tecido con agullas ou gancho, e tamén a compartir algún alimento ou merenda de forma voluntaria. Ademais, quen non saiba tecer pero queira achegarse a esta práctica contará con apoio para iniciarse durante a actividade.
Trátase dun encontro interxeracional e aberto, co obxectivo de poñer en valor os traballos artesanais, fomentar o intercambio de coñecementos e desfrutar dunha tarde ao aire libre en torno ao tecido.