Allariz celebrará en setembro a IX Feira dos Produtos Apícolas

Allariz celebrará o sábado 12 de setembro a novena edición da Feira dos Produtos Apícolas, unha cita coa que o Concello busca promover o sector, divulgar o valor do mel e dos seus derivados e destacar o papel das abellas no ecosistema.
A presentación da feira contou coa participación dos concelleiros de Medio Ambiente e Promoción Económica, Bernardo Varela e María López, respectivamente, así como dos apicultores e integrantes da Asociación Galega de Apicultura (AGA) Antonio García e Afonso Vasalo.
A programación desenvolverase na Praza do Matadoiro entre as 10.00 e as 20.00 horas, cunha proposta que combinará divulgación, actividades prácticas e propostas de lecer.
A xornada comezará ás 10.00 horas coa apertura da feira. Ás 12.00 horas terá lugar o obradoiro “Tres en raia apícola”, impartido por Marga Miguens. Para participar será necesario realizar unha inscrición previa a través do correo alacenadoulla@hotmail.com.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas, Joaquín Lozano ofrecerá unha actividade titulada “Introdución á apicultura”. Dúas horas despois, ás 18.00 horas, A Trastenda dos Contos representará o espectáculo “Unha noite no muíño...”.
A programación continuará ás 19.00 horas cunha charla-degustación de queixo e mel a cargo de Alberto Fernández. Finalmente, ás 20.00 horas realizarase o sorteo de dúas cestas con produtos da feira e terá lugar a clausura.
Desde o Concello de Allariz animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta xornada dedicada á apicultura e aos produtos locais.