Allariz celebrará o Día da Abella cunha xornada de divulgación e posta en valor do sector apícola

A Asociación Galega de Apicultura (AGA), coa colaboración do Concello de Allariz, organiza este sábado unha serie de actividades para conmemorar o Día da Abella, unha iniciativa que busca poñer en valor o traballo do sector apícola e concienciar sobre a importancia das abellas para a natureza e a biodiversidade do municipio.
A actividade desenvolverase na Praza do Matadoiro, coincidindo co paseo polo Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz, e contará cun programa aberto ao público e pensado para todas as idades.
A xornada comezará ás 11:00 horas cunha mesa informativa na que se ofrecerán explicacións e se resolverán dúbidas sobre o mundo das abellas e a súa actividade. Ás 12:00 horas terá lugar unha introdución á cata de meles, coa que se buscará achegar aos asistentes ás distintas características e sabores dos produtos apícolas. Posteriormente, ás 12:30 horas, desenvolverase unha proba de maridaxes, combinando os produtos do mercado co mel local.
Trátase dunha proposta orientada a apoiar o sector primario e os produtores e produtoras locais, ao tempo que se promove a divulgación e o consumo de produtos de proximidade.