Allariz celebrará os días 10 e 11 de outubro a undécima edición do festival de poesía Poemagosto

OurenseXa
O encontro combinará recitais, música, natureza e actividades familiares, coa novidade dun concurso de escaparates poéticos nos comercios da vila
Poemagosto 2026 Allariz
2 Oct 2026

Allariz volverá converterse en escenario da palabra poética os vindeiros 10 e 11 de outubro, cando se celebre a undécima edición do Poemagosto, Festival Internacional de Poesía. O evento está organizado pola Asociación Cultural Teleclube O Acomodador e conta coa colaboración do Concello de Allariz, boa parte do tecido empresarial local e, como novidade este ano, a asociación benéfica Pasarela Solidaria de Allariz.

Dende a organización quíxose poñer en valor a implicación dos negocios e empresas da zona, cuxas achegas resultan, segundo explican, determinantes cada ano para que o festival poida levarse a cabo.

A presentación desta nova edición tivo lugar esta mañá e contou coa participación do concelleiro de Cultura, Alberto Conde, acompañado por representantes da entidade organizadora, Carlos Da Aira e Lorena Calvo, así como por Teresa Quintana, en nome de Pasarela Solidaria.

Escaparates vestidos de poesía

Entre as novidades desta edición destaca a cesión de varios escaparates comerciais para amosar versos das autoras participantes. A esta iniciativa súmase, en colaboración con Pasarela Solidaria, un concurso de escaparates e interiores no que xa se sumaron distintos establecementos da localidade. Deste xeito, quen percorra as rúas de Allariz durante eses días poderá atoparse con comercios decorados con motivos e fragmentos poéticos.

O sábado, na Fábrica de Curtidos

Igual que en edicións anteriores, as actividades do sábado terán como sede o patio cuberto da Fábrica de Curtidos - Museo do Coiro. A xornada incluirá recitais de mañá e tarde a cargo de Elvira Ribeiro Tobío e Xabier Cordal, procedentes de Galicia; Liliana Velandia Calderón, de Colombia; Merche Llop Alfonso, de Aragón; e Shahd Wadi, de Palestina. Antes de cada recital terán lugar senllos espazos de micro aberto, para os que será necesario inscribirse previamente.

A música tamén terá o seu espazo propio, cunha sesión vermú a cargo de Somatotropa, o concerto de Mel de Meiga á noitiña e, para pechar a xornada, unha sesión picadiscos de Casta.

O domingo, actividades repartidas por distintos espazos

A xornada do domingo organizarase en diferentes localizacións. Pola mañá terá lugar un paseo ornitolóxico polo río Arnoia, con saída dende o Museo do Coiro e guiado por un representante da Sociedade Galega de Ornitoloxía. Esta actividade combinará a observación de aves con momentos de lectura libre de poemas de temática ecolóxica.

En colaboración con Pocholiñ@s Park, este mesmo espazo será sede do espectáculo infantil e familiar 'De Iseo a Moura', a cargo da compañía MUMAXICA S.L., que achega a mitoloxía galega ao público máis novo a través da música, o humor, a maxia e a participación activa dos asistentes.

O programa completarase cun encontro-conversa coa poeta Elvira Ribeiro Tobío no local da Asociación de Veciños de San Mamede de Urrós, organizado xunto co club de lectura da entidade, arredor do seu poemario 'Welcome to Sing Sing'. Esta charla estará aberta a todo o público interesado.

Todas as actividades do festival terán entrada libre e de balde. Para participar nos espazos de micro aberto será necesario anotarse a través do correo electrónico poemagosto@gmail.com. O resto da información detallada sobre a programación pode consultarse nas redes sociais do Poemagosto.

0.15445303916931