Allariz celebrará un encontro interxeracional para recuperar os xogos tradicionais galegos

O Fogar dos Maiores de Allariz organizará este mércores 29 de xullo un Encontro Interxeracional de Xogos Tradicionais, unha iniciativa aberta a toda a veciñanza que busca fomentar a convivencia entre xeracións e contribuír á conservación dos xogos populares galegos.
A actividade desenvolverase a partir das 10.30 horas nas instalacións do Arnado e ofrecerá un espazo para que persoas maiores, nenos e nenas compartan experiencias, aprendan uns dos outros e descubran ou recuperen xogos que forman parte do patrimonio cultural de Galicia.
A xornada contará coa colaboración de Aurelio Prado “Lito”, divulgador dos xogos populares galegos, que participará na dinamización da actividade.
Coa organización deste encontro, o Fogar dos Maiores de Allariz pretende promover unha mañá de convivencia na que a tradición e o lecer sirvan como punto de encontro entre diferentes xeracións, favorecendo a transmisión deste patrimonio cultural ás novas xeracións.