Allariz comeza os festexos polo Día de Rosalía de Castro

OurenseXa
Allariz festexa un ano máis o nacemento de Rosalía de Castro.
Allariz_Dia_De_Rosalia_De_Castro
Allariz festexa un ano máis o nacemento de Rosalía de Castro
15 feb 2024

Na mañá de hoxe presentáronse as actividades programadas con motivo da celebración  o 23 de febreiro, día do seu nacemento fai 187 anos.

Rosalía de Castro, é símbolo da cultura galega, polo que o Concello de Allariz outro ano máis celebrará o seu aniversario con varias iniciativas que comezarán o 15 de febreiro e rematarán o 8 de marzo.

As actividades comezarán o xoves 15 de febreiro, ca apertura dunha exposición sobre o Herbario de Rosalía, na que a escritora citou na súa obra preto de 150 plantas e flores. A área de Cultura do Concello de Allariz,montará unha exposición sobre este herbario que estará aberta ao público dende o 15 de febreiro ata o 8 de marzo. A Casa da Cultura acollerá esta exposición, en horario de 09:00h ás 14:00h e de 16:00h ás 18:30h de luns a venres. Ademais os centros educativos de Allariz participarán nesta actividade visitando a exposición e realizando actividades didácticas sobre ela durante estes días.

Por outra banda dende a área de Promoción Económica, en colaboración coa hostalería de Allariz celebrarase o Día de Rosalía cun Caldo de Gloria. Dende o 23 ao 25 de febreiro, nos 12 establecementos participantes, servirán este prato que a propia Rosalía describía no poema “Miña casiña, meu lar” no que explica como facer un caldo humilde. Os establecementos participantes estarán identificados cun vinilo que indica que “Aquí hai caldo de gloria”. Todas as persoas que consuman Caldo de Gloria estes tres días poderán participar no sorteo dunha fin de semana en Padrón, para coñecer a Casa de Rosalía.

Para participar neste sorteo, as persoas consumidoras deberán escanear un código qr que atopan nos establecementos participantes e cubrir os seus datos. Tamén deberán incluír unha foto do ticket de consumición para xustificar a súa participación.

A esta iniciativa tamén se unirá, como xa fixo o pasado ano, o CEIP Padre Feijoo de Allariz, que incluirá no seu menú o 23 de febreiro o Caldo de Gloria.

Tanto os establecementos participantes como o CEIP Padre Feijoo contarán (grazas a fundación Rosalía de Castro) con manteis de papel individuais co poema de Rosalía.

O Concello de Allariz dende  fai dous anos é mecenas da Fundación Rosalía de Castro, encargada da conservación e divulgación do seu legado, sumándose a traballar pola conservación e posta en valor do patrimonio cultural de Rosalía.

Programa_Allariz_Rosalia_De_Castro