Allariz dedica setembro e outubro ás súas persoas maiores coa XVIII edición das 'Semanas das Persoas Maiores'

Allariz volve poñer o foco nas súas persoas maiores cunha nova edición das 'Semanas das Persoas Maiores', unha iniciativa que chega en 2026 á súa decimoitava convocatoria. A área de Benestar Social do Concello preparou un programa de actividades que se desenvolverá entre setembro e outubro, co obxectivo de promover o envellecemento activo, a saúde e a convivencia.
Dende hai 18 anos, o Concello, a través da súa Concellaría de Benestar Social, organiza estas xornadas ao comezo do outono. Cada 1 de outubro, Día Internacional das Persoas Maiores, a localidade súmase á celebración para reivindicar que este colectivo conta, suma e achega moito á sociedade.
A presentación desta edición correu a cargo da concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, e da técnica de maiores, Sonia Paz. Ambas explicaron que, durante estas semanas, levaranse a cabo propostas variadas que abranguen distintas dimensións do envellecemento activo: cultura, cinema, saúde, memoria, lecer e convivencia. Ademais, convidaron a toda a veciñanza a participar e gozar destas datas, e subliñaron que as persoas maiores son as verdadeiras protagonistas.
Un calendario con cinema, natureza, patrimonio e cerámica
O programa arrincará o 24 de setembro, ás 11.00 horas, coa proxección do filme 'O silencio herdado', dentro do Ciclo Mestre Mateo, na Casa da Cultura. Trátase dunha cita aberta coa que se busca achegar o cinema galego á veciñanza.
O 1 de outubro, con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, celebrarase unha camiñada seguida dun xantar campestre. A proposta pretende ser unha oportunidade para compartir paseo, conversa e mesa, e así reforzar os lazos entre veciños e veciñas. Para participar é necesario anotarse antes do 30 de setembro.
O 8 de outubro terá lugar a viaxe cultural 'O baixo Miño', unha xornada dedicada a gozar do patrimonio e da paisaxe. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición dende o luns 28 de setembro, a partir das 09.00 horas, e ata o luns 5 de outubro, ás 14.00 horas.
O calendario pecharase o 15 de outubro, ás 17.30 horas, co obradoiro 'Pegadas de Barro', unha experiencia de cerámica, memoria e transmisión que impartirá a Asociación Estivadinha - Colectivo de acción rural. A actividade celebrarase no Fogar dos Maiores, e a inscrición previa permanecerá aberta ata o 13 de outubro.
Inscricións e contacto
Quen desexe anotarse en calquera das actividades pode facelo de forma presencial no Fogar dos Maiores (rúa A Barreira, número 3, Allariz), chamando ao teléfono 988 554 059 ou escribindo ao correo electrónico fogardosmaiores@allariz.gal.