Allariz disporá dunha unidade móbil de doazón de sangue o vindeiro 19 de novembro

O vindeiro xoves, 19 de novembro, o municipio de Allariz contará cunha unidade móbil de doazón de sangue instalada no Campo da Barreira, co obxectivo de que a veciñanza poida colaborar con este xesto solidario. O dispositivo estará dispoñible en horario de mañá, de 09.45 a 14.15 horas, e pola tarde, de 16.00 a 21.00 horas.
Dende a organización lémbrase que, para poder doar, é necesario ter máis de 18 anos e pesar máis de 50 quilogramos, e que o proceso completo apenas require uns 15 minutos. Trátase, segundo se destaca, dun “xesto sinxelo que salva vidas”.
Entre as recomendacións previas á doazón, aconséllase almorzar de forma axeitada, evitando comidas copiosas xusto antes de acudir, así como deixar pasar un tempo prudencial se se comeu recentemente. Así mesmo, pídese ás persoas doantes que acudan coa tarxeta de doazón, o DNI ou calquera outro documento identificativo, e que informen ao persoal sanitario en caso de estar a tomar algún medicamento.
Para resolver dúbidas ou ampliar información, habilitouse o teléfono gratuíto 900 100 828. As persoas interesadas tamén poden consultar máis detalles na sección de novas da páxina web da organización.