Allariz impulsa unha rede de establecementos seguros para a infancia co proxecto “Espazo Amigo da Infancia”

O Concello de Allariz, en colaboración coas ANPAs do municipio, vén de poñer en marcha a iniciativa “Espazo Amigo da Infancia”, unha rede de comercios e locais hostaleiros comprometidos coa protección, o benestar e a autonomía de nenos, nenas e adolescentes.
O proxecto nace co obxectivo de ofrecer á infancia puntos de apoio próximos e seguros no caso de que xurda algunha necesidade durante os seus desprazamentos diarios, especialmente nun contexto no que moitas familias apostan por atrasar o uso do teléfono móbil.
Os establecementos adheridos a esta iniciativa comprométense a facilitar, cando sexa necesario, a realización dunha chamada telefónica ás familias en situacións puntuais, como imprevistos á saída do colexio ou durante actividades extraescolares.
Desde o Concello aclárase que estes locais non asumen responsabilidade legal sobre os menores, senón que funcionan unicamente como espazos de comunicación e apoio. Para facilitar a súa identificación, contarán cun distintivo visible na entrada que os sinalará como espazos de confianza.
A iniciativa conta xa cunha ampla rede inicial de comercios e servizos adheridos de distintos ámbitos, como alimentación, cultura, saúde, educación e ocio, e aspira a seguir medrando coa incorporación doutros establecementos do municipio.
O Concello de Allariz anima ao tecido comercial e hostaleiro a sumarse ao proxecto, destacando o seu carácter comunitario e o seu obxectivo de reforzar a seguridade e a proximidade no día a día das familias.
As persoas interesadas en participar poden solicitar información a través do correo electrónico educacion@allariz.gal.