Allariz ofrecerá este ano 130 prazas para nenos e nenas no programa Concilia Verán

OurenseXa
Haberá 80 prazas para o mes de xullo e 50 prazas para o mes de agosto, e o prazo abrirá a vindeira semana
concilia-veran-allariz
15 May 2026

O Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, vén de abrir o prazo de solicitude para participar no programa “Concilia Verán 2026”, unha iniciativa destinada a favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral durante o período estival.

O programa ofrece este ano 80 prazas para o mes de xullo e 50 prazas para o mes de agosto, dirixidas a nenos e nenas escolarizados desde 4º de Educación Infantil ata 6º de Educación Primaria, cunha franxa de idade comprendida entre os 3 e os 12 anos.

As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes entre o 18 de maio, ás 00:00 horas, e o 29 de maio, ás 23:59 horas. Toda a información e os formularios están dispoñibles na web municipal e na sede electrónica do Concello de Allariz, ademais de poder tramitarse de forma presencial nos Servizos Sociais Comunitarios, no Fogar dos Maiores.

O servizo desenvolverase en quendas quincenais cun horario xeral de 8:00 a 15:00 horas. Entre as prestacións inclúese a opción de almorzo, cunha entrada flexible entre as 8:00 e as 9:00 horas, así como servizo de comedor con recollida antes das 15:00 horas.

As actividades terán un enfoque educativo e lúdico, promovendo valores como a convivencia, a cooperación, a igualdade e o respecto.

Para poder participar, será necesario que os nenos e nenas, así como polo menos unha das persoas proxenitoras ou titoras, estean empadroados no municipio de Allariz. Ademais, as familias deberán acreditar situación de ocupación laboral ou académica durante as quendas solicitadas.

0.14222002029419