Allariz participa este mércores na campaña de doazón de sangue “Un alento de vida” cunha unidade móbil no campo da Barreira

OurenseXa
O municipio, que en 2025 rexistrou unha das maiores taxas de doazón da provincia de Ourense, súmase á iniciativa estival de ADOS para garantir o abastecemento de sangue nos hospitais galegos
campaña-de-veran-ados-doazons
22 Jul 2026

Allariz acolle este mércores 22 de xullo unha nova parada da campaña de verán “Un alento de vida”, impulsada pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para fomentar a doazón durante os meses estivais. A unidade móbil permanecerá instalada no campo da Barreira en horario de 09:45 a 14:15 horas e de 16:00 a 21:00 horas, co obxectivo de facilitar a participación da veciñanza.

A iniciativa forma parte dunha campaña que levará as unidades móbiles de ADOS a preto de 170 concellos galegos ata finais de agosto. O propósito é manter as reservas de sangue durante unha época na que adoita diminuír a participación dos doantes habituais por mor das vacacións, coa previsión de acadar arredor de 22.000 doazóns en toda Galicia.

A Axencia lembra que os hospitais galegos precisan unhas 400 doazóns diarias para garantir o abastecemento de compoñentes sanguíneos, unha necesidade que se mantén tamén durante o verán, considerado un período especialmente sensible.

Baixo o lema “Un alento de vida”, a campaña quere poñer o foco na importancia da solidariedade para contribuír aos tratamentos de numerosas persoas que precisan transfusións. Como parte da iniciativa, as persoas doantes recibirán un agasallo, que poderá ser unha almofada ou un balón de praia. Ademais, xunto á unidade móbil instalarase un espazo ambientado como unha terraza de verán no que os participantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía, simbolizando o alento que supón unha transfusión para moitos pacientes.

A campaña tamén busca achegar a doazón aos concellos costeiros e ás zonas con maior afluencia de visitantes durante a época estival, lembrando que a necesidade de sangue non diminúe durante as vacacións.

ADOS agradeceu a implicación do Concello de Allariz e destacou a resposta da veciñanza. No ano 2025 o municipio rexistrou 326 doazóns, o que supuxo unha taxa de 50 doazóns por cada 1.000 habitantes ao ano, unha das máis elevadas da provincia de Ourense.

Desde a Axencia lembran que poden doar sangue as persoas maiores de 18 anos, cun peso superior aos 50 quilos e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue. Tamén indican que a cidadanía pode obter máis información a través da páxina web de ADOS, das súas redes sociais ou do teléfono gratuíto 900 100 828.

0.13889408111572