Allariz pecha unha fin de semana por todo o alto coas festas de San Bieito

As Festas de San Bieito de Allariz desenvolveron esta fin de semana un amplo programa de actividades que combinou música, espectáculos de rúa, tradición e actos relixiosos, nunha celebración que se prolongou desde o xoves 9 ata o domingo 12 de xullo.
As actividades comezaron o xoves coa actuación da Agrupación Coral Arnoia na Igrexa de San Bieito, encargada de abrir o programa festivo.
A xornada do venres estivo marcada polo espectáculo de rúa "Ñiquiñaque", unha coprodución do Centro Dramático Galego e Espectáculos Valente, que se celebrou na Alameda. Xa pola noite, a música tomou o relevo no Campo da Barreira coa sesión da discomóbil A Gramola.
O sábado foi unha das xornadas con maior presenza de actividades, coa celebración do tradicional desfile de Xigantes e Cabezudos, acompañados pola agrupación De Pé Feito. Pola tarde, a Banda Unión Musical de Allariz ofreceu un concerto na Alameda, antes da programación nocturna no Campo da Barreira, que contou co baile do grupo Acirema e coa actuación de Gin Toni’s.
As festas pecharon o domingo cunha xornada que mantivo o protagonismo da música e da tradición. A mañá comezou cos pasarrúas da banda local e coa procesión do patrón San Bieito, seguida das actuacións do Grupo Castro Floxo na Praza do Matadoiro e da Banda Unión Musical de Allariz no Campo da Barreira. Xa pola noite, a Orquestra Panamá puxo o broche final á programación festiva, que rematou co espectáculo pirotécnico de Josman no Campo de Vilanova.
O programa de San Bieito permitiu a veciñanza e visitantes gozar de varias xornadas de celebración arredor dunha das citas tradicionais do calendario festivo de Allariz.