Allariz pon en marcha un curso online e gratuíto sobre corresponsabilidade no fogar do 19 de outubro ao 20 de novembro

A área de Benestar Social do Concello de Allariz puxo en marcha unha nova acción formativa titulada 'Mesmo fogar, mesmas responsabilidades', un curso gratuíto e completamente online que ten como obxectivo impulsar a igualdade no reparto das tarefas e dos coidados dentro do fogar.
Trátase dunha formación de 20 horas de duración, cun formato flexible que permite a cada participante organizar o seu propio ritmo de estudo dentro do período establecido. Os contidos estarán dispoñibles dende o 19 de outubro ata o 20 de novembro.
Aínda que o curso está especialmente orientado a homes, co propósito de reforzar a súa concienciación e a súa implicación activa nas tarefas domésticas e de coidado, a actividade permanece aberta a toda a veciñanza que desexe participar e formarse nesta materia.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de outubro, e as persoas interesadas poderán apuntarse a través da páxina web do Concello de Allariz.
A iniciativa conta coa organización do propio Concello de Allariz, en colaboración con Atelier Social, a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, o programa Xacobeo 2027, o Plan Corresponsables e o Ministerio de Igualdade do Goberno de España.