Allariz prepárase para a apertura da XVI edición do Festival Internacional de Xardíns

OurenseXa
Baixo o lema “Xardíns da liberdade”, esta edición propón unha experiencia na que a música, o movemento e a natureza se combinan para transmitir a idea de liberdade ao longo do percorrido expositivo
festival-xardins-allariz
30 Apr 2026

Allariz prepárase para a apertura da XVI edición do Festival Internacional de Xardíns (FIXA), que comezará o vindeiro 16 de maio ás 19:00 horas. O recinto acolle estes días os últimos traballos de preparación antes dunha inauguración que contará con actuacións sorpresa ao longo do percorrido.

Esta mañá, a alcaldesa Cristina Cid, a concelleira de Promoción Económica María López e o arquitecto técnico municipal Alex Fernández visitaron o espazo para comprobar o avance dos preparativos dun evento que se consolida como unha das citas culturais e paisaxísticas máis destacadas do municipio.

Baixo o lema “Xardíns da liberdade”, esta edición propón unha experiencia na que a música, o movemento e a natureza se combinan para transmitir a idea de liberdade ao longo do percorrido expositivo.

O festival reúne propostas de diferentes países, combinando proxectos internacionais con creacións de proximidade. Entre as achegas destacan deseños procedentes de Portugal, Austria, Italia, Sudáfrica, Países Baixos, Colombia, Chile, México e Barcelona, que conviven con iniciativas do ámbito estatal e galego, como propostas chegadas da Coruña, Madrid e Murcia. Tamén ten un papel destacado o ámbito educativo local, coa participación do IES de Allariz.

O recinto complétase con dous xardíns premiados en edicións anteriores, que continúan formando parte da exposición tras ser os máis valorados polo público e polo xurado.

A partir da súa apertura e ata finais de outubro, as persoas visitantes poderán votar polo seu xardín favorito. O proxecto máis apoiado polo público terá continuidade na edición de 2027.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz convida así á veciñanza e ás persoas visitantes a descubrir un espazo que combina arte, paisaxe e participación cidadá.

0.14265203475952