Allariz préparase para encherse de risas coa 9ª edición do Festival RiR

A conta atrás xa comezou en Allariz para recibir, un ano máis, o Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia RiR. A localidade ourensá prepárase para vivir a súa novena edición entre o domingo 30 de agosto e o sábado 5 de setembro, convertíndose neses días en referente galego da comedia audiovisual.
Despois de coñecerse o cartel desta edición e a composición do xurado —formado por Bárbara Grandío, Raquel Nogueira e Josean Bengoetxea—, a organización deu a coñecer a programación completa, que levará numerosas propostas culturais a diferentes puntos da vila.
Un dos trazos distintivos deste ano é que todos os bloques de curtametraxes que compiten na Sección Oficial contarán con dous pases en xornadas diferentes, de xeito que o público dispoña de máis oportunidades para velos e ninguén interesado quede sen poder gozalos. Xunto a esta medida, o resto de propostas paralelas manterán a entrada de balde, reforzando a vontade do festival de ofrecer unha programación cultural accesible e de calidade tanto para a veciñanza de Allariz como para quen se achegue de fóra.
O director do certame, Óscar Doviso, explicou que a semana arrincará o domingo coa proxección do palmarés do ano anterior, «este domingo comezamos co palmarés do ano pasado e iso sempre son risas garantizadas», e que adoita atraer espectadores que xa coñecen algunha das obras ou queren volver velas. Doviso salientou tamén o papel activo que se reserva ao público, que poderá votar na Sección Oficial, así como o convite a participar en actividades ao aire libre, como a proxección na Praza do Matadoiro da película Pizza Movies, protagonizada por Berto Romero, un título que non chegou a estrearse comercialmente na provincia de Ourense.
Segundo o director, a xornada máis intensa será a do sábado, cando se concentrarán unha presentación literaria, unha sesión vermú, unha película infantil, unha masterclass sobre comedia e a gala de clausura, na que se repartirán os premios desta edición, entre eles o galardón RiR Contigo, que este ano recae no actor David Amor.