A séptima edición do Festival 'RiR' de Allariz contará con máis dunha trintena de curtametraxes

OurenseXa
Un ano máis, a música, os espectáculos humorísticos e as curtas serán as protagonistas destes 7 días de RiR en Allariz
Presentación do Festival RIR de Allariz
1 Aug 2024

Este 2024 será o sétimo ano consecutivo no que Allariz acollerá o Festival RiR (Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia), unha cita centrada no humor que terá lugar entre o 1 e 7 de setembro.

Zinemusik e Escena Sonora, coa colaboración do Concello de Allariz e a Deputación de Ourense, son os organizadores deste Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia. Curtas de humor de diferentes países e actividades paralelas como espectáculos teatrais e musicais farán que os espectadores poidan gozar ao máximo deste evento tan especial. Este ano recibíronse un total de 291 curtametraxes de comedia, das cales 35 están finalmente na Selección Oficial.

A presentación do evento tivo lugar este mércores, 31 de xullo, no Campo dos Brancos, situado detrás da Casa da Cultura de Allariz. Asistiron a esta cita Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, acompañada de Bernardo Varela, tenente de Alcaldía e Alberto Conde, concelleiro de cultura de Allariz. Xunto a eles estiveron Óscar Doviso e José Freiría, director e subdirector do Festival. Por parte da Deputación de Ourense acompañounos na presentación Cesar Fernández Cid, vicepresidente segundo e responsable de Cultura, Educación e Deportes da Deputación Provincial.

A VII edición arrincará o domingo coa proxección das curtametraxes premiadas na edición anterior, permitindo ás persoas asistentes gozar novamente destas obras destacadas.

Como é tradición, presentaranse catro bloques de curtametraxes de 75 minutos cada un, incluíndo un bloque dedicado exclusivamente a curtametraxes documentais. Os outros tres bloques combinarán ficción e animación, garantindo unha variedade de xéneros para todos os gustos.

O xoves, os máis pequenos poderán gozar dunha actuación especial na Praza do Matadoiro co espectáculo "Ritmando" de As Jalochas. O venres, o evento continuará coa gravación en directo do podcast "Bueno Carallo Bueno" e unha charla coa xornalista María Aller sobre "A comedia de guerrilla", xunto a produtores e o actor Gerald Fillmore.

O sábado, día máis completo do festival, comezará coa sección "Festival Amigo Convidado" que contará coa presenza do FICAR Entrimo, seguido pola presentación oficial do libro "Memorias de un cinéfilo sarnoso" por Gerardo Sánchez, director de "Días de cine". A tarde traerá a estrea de dúas webseries, "Pulp Air" de Anita Pico e "Poscoito" de Héctor Rodríguez, ademais dunh  proxección especial polo 20º aniversario da curtametraxe "Toxic Percebe" coa presenza dos seus creadores e protagonistas.

A clausura do festival celebrarase cunha gala especial, transmitida en directo a través de YouTube, conducida polo humorista Avelino González. Nesta gala entregaranse os premios do festival.

Outra parte do festival será a entrega do premio RIR Contigo, que se outorga para premiar traxectorias dedicadas á comedia. Este ano outórgase ao actor galego Miguel de Lira, en recoñecemento á súa extensa traxectoria na comedia. En edicións pasadas foron premiados Carlos Blanco, Luis Davila, Xosé A. Touriñán, Isabel Risco ou Manquiña na edición pasada.

O xurado, como  revelou a organización, comporase por tres membros:  Victoria Teijeiro, Luis Iglesias e Atenea Mata. Estas tres persoas serán as encargadas de elixir ás curtas gañadoras desta edición.

O Festival RiR, continúa por terceiro ano consecutivo dentro do  Pacto de Cultura Sostible, polo que iranse implantando obxectivos para facer do evento un acto máis consciente, máis respectuoso co medio ambiente e coas persoas con dificultades motoras.

Por outra banda, dentro do Festival continuase a traballar co compromiso de intentar reducir o consumo de plásticos e envases de un so uso.

Cesar Fernández, vicepresidente da Deputación explicaba a importancia que este tipo de iniciativas culturais e agradecía á organización do Festival e ao Concello de Allariz o compromiso coa cultura.

Pola súa banda, Cristina Cid expresou o seu agradecemento, unha vez máis, aos responsables do Festival por seguir elixindo Allariz como sede, xa que este evento non só enriquece a economía local, senón que tamén fomenta a cultura. Despois de seter edicións, o Festival converteuse nunha cita habitual que prolonga a tempada de eventos ata setembro en Allariz. A alcaldesa subliñou o crecemento axeitado do Festival RiR, destacando o seu desenvolvemento consciente, cun enfoque na responsabilidade social corporativa e na sustentabilidade.

0.1706428527832