Allariz presenta as XVI Semanas das e dos Maiores baixo o lema 'Tempo de goce!'

OurenseXa
O Concello de Allariz leva máis dunha década promovendo o recoñecemento e a participación activa das persoas maiores a través destas xornadas
Sonia Paz e Tania Álvarez presentan as XVII Semanas dos Maiores de Allariz
Sonia Paz e Tania Álvarez presentan as XVII Semanas dos Maiores de Allariz
20 sep 2024

O Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, organiza un ano máis durante o mes de outubro as 'Semanas das e dos Maiores, que este ano celebran o seu décimo sétimo aniversario.

"Como cada 1 de outubro, sumámonos á conmemoración do Día Internacional das Persoas de Idade, destacando a relevancia deste colectivo na nosa sociedade", sinalan desde o Concello. Con esta iniciativa, explican, reivindícase que as persoas maiores non só contan, senón que tamén contribúen e achegan valor, subliñando o seu papel activo e a súa participación na vida comunitaria.

A XVI edición destas actividades, que se celebrarán do 30 de setembro ao 11 de outubro baixo o lema 'Tempo de goce!', foi presentada este venres por Tania Álvarez, concelleira de Benestar Social, e Sonia Paz, educadora de maiores. Ambas destacaron a importancia desta iniciativa, que desde hai máis dunha década promove o recoñecemento e a participación activa das persoas maiores en Allariz.

Ao longo de súas semanas terán lugar diversas propostas e actividades nas que se contemplan as diferentes dimensións do envellecemento activo, poñendo en valor o recoñecemento por parte de toda a sociedade cara os e as maiores.

Programa de actividades

  • Andaina: O 30 de setembro comeza a programación cunha andaina pensada para desfrutar da natureza e compartir momentos entre a veciñanza maior de Allariz. Inscricións: do 23 ao 27 de setembro.
  • Obradoiro "A que tivo retivo! A sexualidade en mulleres maiores": O día 2 de outubro, Carla Sebastián Pegolo impartirá este obradoiro dirixido a mulleres maiores, co obxectivo de visibilizar e reflexionar sobre a sexualidade na idade madura. Inscricións: do 23 de setembro ao 1 de outubro.
  • Viaxe á cidade de Lugo: O 8 de outubro organizarase unha excursión a Lugo, unha oportunidade para coñecer mellor a historia e cultura desta cidade galega. Inscricións: do 23 de setembro (a partir das 09:00 h) ata o 2 de outubro.
  • Cea e verbena: O 11 de outubro, como colofón ás semanas, celebrarase unha cea seguida dunha verbena, onde a diversión e o bo ambiente estarán garantidos. Inscricións: do 23 de setembro ata o 8 de outubro.

Todas as inscricións deben formalizarse de xeito presencial no Fogar dos Maiores de Allariz.

0.19646310806274