Allariz presenta o programa para celebrar o Día das Letras Galegas

O Concello de Allariz vén de presentar a programación cultural co gallo do Día das Letras Galegas 2026, unha proposta que combina concertos na rúa, teatro infantil e actividades literarias co obxectivo de achegar a lingua e a cultura galega a toda a veciñanza.
A alcaldesa, Cristina Cid, acompañada polos concelleiros de Cultura e Mocidade, Alberto Conde e Iago Santás, deu a coñecer unha programación que se desenvolverá baixo o lema “Benvida Letras Galegas!” e que rende homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, figura á que se dedica esta edición.
As actividades comezarán o xoves 14 de maio cun acto previo na Biblioteca Municipal, onde o xornalista e escritor Javier Fraiz presentará o seu libro Amar Azar, acompañado por Fernando Varela.
A programación continuará o venres 15 na Praza Maior, cunha xornada centrada no talento local e na participación da mocidade. O público poderá gozar das actuacións do alumnado da Escola de Música Tradicional e do grupo de música moderna, antes do peche musical a cargo da banda Bule, procedente de Pontedeume.
O domingo 17 de maio, coincidindo coa celebración das Letras Galegas, a actividade trasladarase á Alameda. A xornada arrancará cun concerto da Banda Unión Musical de Allariz e continuará pola tarde cunha proposta para o público familiar: a representación da obra infantil “A landra viaxeira e o amigo Lambón”, a cargo de Os Jalochos, dentro do programa “Ler conta moito”.
Desde o goberno local subliñan que esta programación busca implicar a persoas de todas as idades e reforzar o vínculo coa lingua galega, ao tempo que se rende tributo a unha autora recoñecida polo seu compromiso literario, xornalístico e feminista.
O Concello anima á cidadanía a participar nas actividades e a saír á rúa para celebrar unha data que pon en valor a riqueza e a vitalidade do galego.
Baixo a metáfora que lle dá nome, “Cada vimbio conta” reivindica que cada espazo, profesional e experiencia contribúe á construción dunha rede común, creada desde o diálogo e a cooperación, respectando ao mesmo tempo as singularidades de cada centro.
Esta primeira fase do programa pretende, en definitiva, activar vínculos entre os distintos espazos e sentar as bases de futuras políticas culturais máis coordinadas, sostibles e adaptadas ao territorio, reforzando o papel dos museos como motores da dinamización cultural na provincia de Ourense.