Allariz presenta unha nova edición dos Roteiros Temáticos para este 2025

OurenseXa
En total, ofrécense un total de seis roteiros a través dos que os participantes poderán coñecer o rico patrimonio de Allariz
presentacion-roteiros-tematicos-allariz-2025
Presentación dos Roteiros Temáticos de 2025 en Allariz
28 Mar 2025

A Área de Promoción Económica e Turismo do Concello de Allariz vén de presentar a nova edición dos Roteiros Temáticos para o ano 2025, unha serie de visitas que buscan ofrecer unha experiencia única e enriquecedora tanto aos visitantes como aos residentes da localidade.

A concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, María López, estivo acompañada na presentación de hoxe por Manuel Gallego e Noemí Álvarez, representantes da empresa local Xeitura, que será a encargada de realizar os roteiros. María López destacou a súa satisfacción pola continuidade desta proposta, que pon en valor a riqueza cultural, histórica e patrimonial de Allariz, un dos destinos máis emblemáticos de Galicia.

Un dos puntos máis atractivos desta edición será a visita ao Castelo de Allariz, un dos emblemas históricos da vila. Esta visita ofrecerá aos participantes a oportunidade de descubrir os segredos e a historia deste importante espazo, que destaca polo seu valor arquitectónico e a súa conexión coa historia medieval de Allariz.

Roteiros Temáticos 2025:

  • Allariz en tempos do Románico: Percorrido pola vila en clave medieval e románica, destacando as igrexas de Santiago, Vilanova e Santo Estevo. As visitas serán interiores, sempre que as condicións o permitan.
  • Personaxes senlleiras: Luis Cid Carriega: Descubre a historia do deportista máis famoso de Allariz, visitando a súa casa natal e a vivenda onde viviu, coas súas pertenzas persoais e despacho.
  • Castelo de Allariz (2 roteiros): Dúas visitas ao Castelo de Allariz, onde se poderá descubrir a historia medieval da vila e gozar de vistas espectaculares desde o Outeiro.
  • Paseo Muiños e Curtidurías (2 roteiros): Un paseo ao longo do río Arnoia, onde se explicará o funcionamento dos muíños e as fábricas de curtidos, que foron fundamentais para o motor económico da vila.
  • Escritores de Allariz: Un roteiro centrado nos grandes escritores vinculados á vila, como o Padre Feijoo, Vicente Risco, Alfredo Conde e outros, guiando aos participantes a través das súas obras.
  • Visitas culturais: Roteiros máis clásicos que ofrecerán un coñecemento xeral sobre a historia e cultura de Allariz.

As visitas, cun límite de 20 persoas por grupo, terán un custo de 3 euros sen tarxeta cidadá e 2 euros con tarxeta cidadá. A duración estimada de cada visita será de 90 minutos, con saída e chegada desde a Oficina Municipal de Turismo.

Todos os roteiros se celebrarán o terceiro sábado de cada mes, agás en xuño, que se trasladará ao primeiro sábado do mes. As inscricións están dispoñibles no correo turismo@xeitura.com ou no teléfono 609 474 976.

O obxectivo destas visitas é dar a coñecer o rico patrimonio de Allariz e fomentar que os participantes pasen polo menos un día na vila, contribuíndo ao desenvolvemento económico local e  da contorna.

⚙ Configurar cookies
0.06167197227478