Allariz recibe a Festa da Empanada con tres días de música, deporte e tradición gastronómica

OurenseXa
A vila ourensá combina triatlón, piragüismo, desfile de xigantes e cabezudos, teatro de rúa e concertos coa degustación da súa empanada tradicional nos locais de hostalaría, panadarías e pastelarías durante toda a fin de semana
empanada_allariz_2026
18 Aug 2026

Allariz ultima os preparativos da súa Festa da Empanada, unha cita que durante tres xornadas —venres 21, sábado 22 e domingo 23— encherá as rúas da vila de actividades deportivas, musicais e culturais arredor do seu produto gastronómico máis representativo.

A programación abrirá o venres co campionato de billarda infantil no Campo da Barreira, ás 11.00 horas. Pola noite, a Alameda acollerá o teatro de rúa da compañía Ghazafelhos, que representará 'Sherazade, Aladino e os Tres Beduínos' ás 20.00 horas, e ás 22.30 horas terá lugar un concerto de bandas sonoras a cargo da Banda Unión Musical de Allariz.

O sábado será a quenda do deporte e da gastronomía. Ás 18.00 horas disputarase na Alameda o XXXIV Triatlón Vila de Allariz, mentres que ás 19.30 horas o Campo de Vilanova acollerá o concerto de Lorelei. ​Xa pola noite, os Xardíns do Museo do Coiro serán o escenario principal da festa: ás 21.00 horas celebrarase a xornada gastronómica coa degustación da empanada de Allariz, actividade subvencionada polo INORDE, á que seguirán ás 21.30 horas o concerto conxunto de Soul&Roll e Los Camachuelos, o baile popular animado pola Orquestra Compostela e, a partir da medianoite, unha sesión de DJ a cargo de Varo Alonso.

O domingo concentrará boa parte dos actos multitudinarios. A xornada comezará ás 11.00 horas cun pasarrúas da Banda Unión Musical de Allariz e, de xeito simultáneo, coa XXXV Regata de Piragüismo (Copa Deputación) no embarcadoiro da Alameda. Ás 12.00 horas, o desfile de xigantes e cabezudos, acompañado polo grupo de gaitas De Pé Feito, percorrerá o traxecto entre a Praza de Abastos e o Campo de Vilanova, onde á 13.00 horas actuará de novo a Banda Unión Musical. Dende as 11.30 horas e durante toda a xornada, o Campo de Vilanova albergará tamén a Festa Campestre, de entrada gratuíta, con churrasco e polbo dispoñibles todo o día. A xornada pechará ás 18.00 horas coa presentación do C.D. Allariz e o partido que enfrontará a este club coa A.D.F. Molgas no Seixo.

Á marxe do programa de actos, durante toda a fin de semana os locais de hostalaría, panadarías e pastelarías de Allariz porán á venda a empanada tradicional da localidade, protagonista desta festa.

0.14320516586304