Allariz recicla máis de 17.800 quilos de roupa no que vai de ano a través de ModaRe

OurenseXa
O municipio acumula case 18 toneladas de téxtil recollido entre xaneiro e setembro, cun setembro que marca o mes de maior participación veciñal
Colector recollida de roupa ModaRe Allariz
foto: Concello de Allariz
13 Oct 2026

O Concello de Allariz deu a coñecer os datos de recollida de roupa e calzado xestionados a través de ModaRe, a iniciativa solidaria impulsada por Cáritas, correspondentes aos nove primeiros meses do ano. Segundo as cifras facilitadas, a veciñanza depositou un total de 17.873 quilos de material téxtil nos distintos puntos habilitados no municipio.

Setembro foi o mes con maior volume de recollida de todo o período, ao acadarse 2.979 quilos. A evolución mes a mes amosa unha participación constante ao longo do ano, con 1.445 quilos recollidos en xaneiro, 1.480 en febreiro e 1.318 en marzo, cifras que foron en aumento nos meses seguintes ata os 1.762 quilos de abril, os 2.156 de maio e os 2.423 de xuño. O verán mantivo esa tendencia á alza, con 2.449 quilos en xullo, antes dun lixeiro descenso en agosto ata os 1.861 quilos, ao que seguiu o repunte rexistrado agora en setembro.

En canto á repartición por localizacións, o contedor situado no Paseo Alameda foi o que máis material concentrou, con 2.983 quilos acumulados entre xaneiro e setembro, seguido moi de preto polo punto da Rúa Emilia Pardo Bazán número 33, con 2.957 quilos, e o da Rúa Campos Barreira, con 2.954 quilos. Tamén destaca a achega recollida no número 63 da propia Rúa Emilia Pardo Bazán, con 2.931 quilos, e na Estrada Xunqueira, con 2.869 quilos. Pola súa banda, o Punto Limpo de Allariz sumou 1.762 quilos, mentres que o contedor da Rúa dos Canteiros número 53 recolleu 1.417 quilos no conxunto do período analizado.

Dende a área de Medio Ambiente do Concello valorouse positivamente a resposta constante da veciñanza, salientando que cifras coma estas reflicten o compromiso do municipio co coidado do medio ambiente e cos principios da economía circular. Neste sentido, trasladouse que se seguirá traballando para facilitar e achegar este tipo de iniciativas á poboación no seu día a día.

Dende a administración local lémbrase que os colectores e puntos de recollida permanecen operativos de xeito permanente durante todo o ano, de maneira que calquera persoa pode depositar neles roupa e calzado en bo estado cando o desexe.

0.15826082229614