Allariz reúne máis de 30 tecedeiras no Día Internacional de Tecer en Público

Allariz celebrou na súa Alameda unha nova edición do Día Internacional de Tecer en Público, unha actividade aberta e colectiva que reuniu máis de 30 tecedeiras, consolidándose como unha cita que chega este ano á súa terceira edición tras iniciarse en 2024 arredor da calceta, o gancho, a conversa e a convivencia.
Durante a xornada, as participantes sacaron á rúa labores que historicamente estiveron vinculadas ao ámbito doméstico e que en moitos casos foron invisibilizadas ao seren consideradas tarefas propias das mulleres. Neste sentido, tecer en público converteuse nun acto de recoñecemento dese traballo e tamén nunha forma de ocupar o espazo público, recuperando unha estampa que noutrora era habitual nas rúas, coa presenza de mulleres traballando ao aire libre.
A actividade desenvolveuse nun ambiente de convivencia e estivo acompañada dunha merenda colectiva na que se compartiron doces caseiros, outros alimentos elaborados na casa e bebidas preparadas polas propias participantes. Segundo explican as asistentes, o encontro non responde unicamente a unha convocatoria internacional, senón que conecta tamén coa tradición galega dos fiadeiros, aquelas reunións arredor do traballo do liño nas que se combinaban labor, conversa e celebración.
Nesta edición non houbo música tradicional, aínda que xa se valora a posibilidade de incorporala en vindeiras convocatorias, con pandeiretas e alalás para completar a xornada.
As participantes destacaron o valor social do encontro, que serviu para coñecerse, intercambiar saberes e reunir persoas que doutro xeito non coincidirían. No encontro participaron veciñas de Allariz, persoas chegadas de Ourense e Barbadás, novos residentes na vila e tamén participantes que asistían por primeira vez. A presenza de rapaces foi especialmente salientada, ao considerarse que estas prácticas deben estar abertas a todas as idades e tamén aos homes.
Na actualidade, o tecido é entendido polas participantes como unha actividade creativa e interxeracional, xa afastada da súa función de subsistencia doméstica, e concibida como unha práctica de relaxación, desconexión dixital e posta en valor da artesanía e da moda lenta feita a man.
A xornada concluíu cun balance positivo e co desexo de que esta iniciativa volva celebrarse o vindeiro ano en Allariz.