Allariz suspende a Feira do Sábado co gallo das Festas de San Bieito

OurenseXa
As celebracións comezarán esta xoves cun recital clásico na Igrexa de San Bieito, a cargo da Agrupación Coral Arnoia, que actuará ás 20:15 horas
MERCADILLO xenerica
8 Jul 2026

O Concello de Allariz informa de que o vindeiro sábado 11 de xullo non se celebrará a tradicional Feira do Sábado, tal e como establece a ordenanza municipal con motivo das Festas de San Bieito.

Pola contra, o Mercado da Reserva da Biosfera funcionará no seu horario habitual, polo que a veciñanza e visitantes poderán seguir adquirindo produtos locais sen cambios.

As festas desenvolveranse do 10 ao 12 de xullo, cunha actividade previa o xoves 9. Ese día, a Agrupación Coral Arnoia ofrecerá un recital de música clásica na Igrexa de San Bieito ás 20.15 horas.

As celebracións comezarán esta xoves cun recital clásico na Igrexa de San Bieito, a cargo da Agrupación Coral Arnoia, que actuará ás 20:15 horas. A programación central arrancará o venres 10 coa representación de "Ñiquiñaque", coprodución do Centro Dramático Galego e Espectáculos Valente, ás 20.30 horas na Alameda. A partir das 23.30 horas, a festa continuará no campo da Barreira coa discomóbil A Gramola.

O sábado 11 comezará ás 11.30 horas co desfile de Xigantes e Cabezudos, acompañados pola agrupación De Pé Feito. Pola tarde, ás 20.00 horas, a Banda Unión Musical de Allariz actuará na Alameda. Xa na Barreira, ás 21.00 horas, será a quenda do grupo Acirema, mentres que ás 00.00 horas subirá ao escenario Gin Toni's.

O domingo 12 abrirase ás 10.00 horas cos pasarrúas da Banda Unión Musical de Allariz. Ás 11.00 horas celebrarase a procesión do patrón, na que participarán os Xigantes e Cabezudos, De Pé Feito, a banda local e o Grupo Castro Floxo da Escola Provincial de Danza. A programación continuará ás 12.30 horas na Praza do Matadoiro coa actuación de Castro Floxo, seguida dun novo pase da banda ás 13.30 horas na Barreira.

O peche das festas chegará ás 21.00 horas coa actuación da Orquestra Panamá na Barreira e, xa á medianoite, cun espectáculo pirotécnico de Josman no Campo de Vilanova.

O Concello lembra tamén que os horarios da novena, misas e demais actos relixiosos poden consultarse no programa oficial das festas.

0.1245710849762