Allariz terá un novo campamento de verán

OurenseXa
Pola súa banda, o Concello de A Merca contará este verán cun voluntariado internacional
xunta_campamentos
A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, presenta a programación da campaña de verán para este ano 2024
9 abr 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, presentou esta semana a programación da campaña de verán para este ano 2024, que contará cun novo récord de prazas: serán máis de 11.500, 300 máis que na pasada edición. Ademais, contará con novas instalacións e actividades que lle permitirá á mocidade vivir "O teu mellor verán", tal e como recolle o lema deste ano.

Entre as novidades destacan catro novos campamentos: en Boiro, de índole artístico; no Monte do Gozo (Santiago), que terá como temática a música; no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá; e tamén un novo campamento en Allariz, no Centro de Formación Valverde. Incluirase tamén unha convocatoria específica para persoas con discapacidade que volverá contar con 250 prazas.

Con respecto aos campos de voluntariado, crearanse seis novos: cinco de carácter nacional: Aranga (A Coruña), Samos (Lugo), Ribadavia (Ourense), Poio (Pontevedra) e en Ponteareas (Pontevedra); e outro de carácter internacional, na Merca (Ourense). Tamén se repetirá o campo de voluntariado específico para persoas galegas no exterior no Castro de Viladonga (Castro de Rei).

Novo programa de lecer alternativo

Ademais, impulsarase un novo programa de lecer alternativo, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos en cinco instalacións de toda Galicia de xoves a domingo. Terá lugar nos albergues xuvenís de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo), así como no complexo Cemar de Mondariz ou no albergue montañas de Trevinca (A Veiga).

Esta oferta compleméntase cos minicampamentos 'Coñece Galicia' cuxa oferta se dará a coñecer máis adiante; e cos intercambios con outras comunidades autónomas. A este respecto, á oferta tradicional sumaranse novos campamentos en Estremadura e en Castela a Mancha, con temática teatral e que terá lugar no albergue de San Servando, en Toledo.

Apertura de prazo

O Diario Oficial de Galicia publicará a oferta de campamentos o próximo 16 de abril. A partir do día seguinte -do mércores 17- e ata o 30 de abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar praza. Os campamentos deberán solicitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mentres que os campos de voluntariado faranse a través dun formulario na páxina web de Mocidade.

A oferta con todos os campamentos de verán dispoñibles poderase consultar desde hoxe mesmo na páxina web de Xuventude. Deste xeito, as familias e os mozos poden planificar as súas datas e destinos favoritos.