Allariz volverá a abrir en maio o prazo para solicitar as bonificacións na taxa de residuos
O Concello de Allariz informa de que o vindeiro mes de maio, concretamente o día 1, abrirá de novo o prazo para solicitar as bonificacións na taxa de residuos neste caso de cara ao ano 2026. Lembran ademais que as persoas que xa solicitaron a bonificación e cumpriron correctamente o estipulado na ordenanza non terán que volver a solicitala.
A nova ordenanza que regula as taxas de recollida de lixo de Allariz introduce ete ano importantes novidades que buscan adaptarse ás necesidades das vivendas e das actividades económicas, así como dar cumprimento á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
Dende o Concello explicaron que a medida responde ao significativo incremento dos custos impostos por SOGAMA, que durante o 2024 pasou de cobrar 56,01 euros por tonelada en 2023 a 66,01 01 euros por tonelada no primeiro semestre de 2024 e 88 01 euros por tonelada no segundo semestre de 2024, o que representa un impacto estimado de 50.000 euros adicionais no orzamento municipal para a xestión de residuos. Para o 2025, SOGAMA anunciou unha nova subida, situando o custo por tonelada en 108 01 euros por tonelada. Uns incrementos que, aseguran, fan necesario un axuste nas taxas para garantir a sostibilidade do servizo.
BONIFICACIÓNS
Como parte das medidas incluídas na nova ordenanza, o Concello ofrece unha redución do 15% na taxa para aquelas persoas ou establecementos que realicen unha recollida selectiva adecuada da fracción orgánica ou opten por facer compostaxe tanto comunitario como individual, fomentando así prácticas sostibles.
As tarifas están deseñadas tanto para vivendas como para actividades económicas e buscan adaptarse á frecuencia de recollida e ás características de cada tipo de usuario.
No caso das vivendas, as tarifas varían segundo a frecuencia de recollida. Para as vivendas urbanas que contan cun servizo tres ou máis días á semana, a cota estándar será de 88 euros, mentres que a reducida fixarase en 74,80 euros. Pola súa parte, as vivendas con recollida dun ou dous días á semana terán unha tarifa estándar de 70 euros e unha reducida de 59,50 euros.
Para as actividades económicas, as taxas axústanse á tipoloxía do negocio, á súa superficie e á frecuencia de recollida. Os establecementos de alimentación, como panadarías e supermercados, pagarán cotas que oscilan entre 150 e 1900 euros, dependendo do seu tamaño. No caso dos aloxamentos, como hoteis, hostais ou campings, as tarifas estarán entre 190 e 1150 euros. Os restaurantes e bares con cociña deberán aboar entre 360 e 1120 euros, mentres que os bares sen cociña, cafetarías e pubs pagarán entre 180 e 940 euros. Por último, oficinas e servizos profesionais terán cotas que van de 95 a 540 euros. En todos os casos, o importe aumenta en función da superficie do establecemento.