Alumnado de Ourense elabora fanzines sobre memoria democrática nun obradoiro celebrado na Subdelegación do Goberno

A Subdelegación do Goberno en Ourense foi sede este martes dun obradoiro de fanzines dirixido á mocidade, co obxectivo de achegarlle o pasado recente do país e as liberdades conseguidas a través da expresión cultural. A actividade enmárcase dentro da programación impulsada polo Comisionado para os 50 anos de España en Liberdade.
Ao inicio da xornada estivo presente o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, quen animou ás participantes a sacarlle o máximo proveito á proposta. O obradoiro correu a cargo da ilustradora Inés Vázquez, que contou coa colaboración do alto inspector de Educación e asesor histórico do proxecto, Xosé Alfeirán, así como do director creativo da iniciativa ‘España en liberdade. 50 anos, 10 historias’, Manel Cráneo. Durante a súa intervención, o subdelegado salientou o papel da cultura como ferramenta para difundir os valores democráticos entre as novas xeracións.
Ao longo da sesión, as e os xoves traballaron na creación dos seus propios fanzines, un exercicio que combinou a expresión artística coa reflexión sobre dereitos e liberdades democráticas. En total, participaron 40 estudantes da Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Antonio Faílde de Ourense, organizados en dúas quendas. O subdelegado quixo agradecer publicamente a implicación do centro educativo nesta iniciativa.
O proxecto, coordinado polo autor e xestor cultural Manel Cráneo, contempla tamén a edición dunha obra colectiva na que dez ilustradores reflexionan sobre as transformacións sociais e os dereitos acadados dende a chegada da democracia. Entre as materias que se abordan atópanse o dereito ao voto, a liberdade de expresión, os dereitos laborais, a igualdade entre mulleres e homes, o divorcio, os dereitos do colectivo LGTBI, o aborto, a sanidade pública e o recoñecemento do galego como lingua cooficial. Desta publicación editáronse 600 exemplares, que se irán repartindo nos distintos actos organizados pola Delegación e as Subdelegacións do Goberno en Galicia.
Esta proposta intégrase dentro do programa ‘Xuventude e democracia’, que aposta por utilizar a cultura como ponte para transmitir a memoria democrática ás xeracións máis novas. O plan inclúe outras actividades vinculadas á música urbana, o cómic, a literatura, o teatro e a regueifa, ademais de iniciativas en redes sociais, con propostas repartidas polas catro provincias galegas.