Alumnado dos colexios Josefinas e Padre Feijóo-Zorelle participaron nunha xornada divulgativa centrada no funcionamento das institucións públicas

A Deputación de Ourense abriu as súas portas a estudantes de Secundaria dos colexios Josefinas e Padre Feijóo-Zorelle nunha xornada divulgativa centrada no funcionamento das institucións públicas. A actividade tivo lugar este 29 de abril no Salón de Plenos do Pazo Provincial.
A vicepresidenta primeira do organismo provincial, Marta Nóvoa, foi a encargada de recibir a preto de medio cento de alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO, aos que tamén se sumou un grupo de estudantes procedentes de Groenlandia. Estes últimos participan nun intercambio co centro Padre Feijóo-Zorelle a través do programa Erasmus+, o que lles permitiu achegarse a modelos de organización política que non existen no seu territorio.
A visita enmárcase nunha iniciativa educativa orientada a dar a coñecer o papel das institucións e a súa relevancia na xestión pública, facendo fincapé nos valores democráticos. Neste contexto, o colexio Padre Feijóo-Zorelle exerce como escola mentora do centro Josefinas dentro do programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, polo que ambos centros colaboran anualmente en actividades conxuntas como esta.
Durante o encontro, o alumnado puido coñecer de primeira man o funcionamento da Deputación e o labor que desenvolve na provincia. A vicepresidenta agradeceu a visita á institución, que definiu como un espazo ao servizo da cidadanía, e animou aos estudantes a interesarse polo sistema político e administrativo, desde o ámbito local ata o europeo, pola súa influencia directa na vida cotiá.