Alumnado ourensán participou esta mañá na cuarta xincana urbana do programa ‘Localízate! no teu comercio local’

OurenseXa
Os alumnos participantes completaron unha carreira por equipos na que tiveron que resolver diferentes probas e interactuar cos comercios colaboradores
campaña-localizate-ourense
12 May 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe en Ourense na cuarta xincana urbana organizada no marco do programa autonómico Localízate! no teu comercio local, unha iniciativa da Xunta incluída no Plan estratéxico do comercio de Galicia para fomentar entre a mocidade o coñecemento e a valoración do comercio de proximidade.

Os alumnos participantes completaron unha carreira por equipos que partiu da rúa Bispo Cesáreo, onde estaba situada unha unidade móbil, e continuou pola Alameda, na localización provisional da Praza de Abastos, así como por distintas rúas comerciais da cidade. Ao longo do percorrido, os rapaces e rapazas tiveron que resolver diferentes probas e interactuar cos comercios colaboradores.

As xincanas constitúen a segunda fase do programa, despois de Localízate! na aula, no que este curso participaron 2.175 alumnos e alumnas de ESO e FP Básica analizando e propoñendo ideas para impulsar o comercio de proximidade. En cada cidade participan as aulas cos traballos mellor valorados polo xurado.

Despois do seu paso por Ferrol, Lugo, Santiago e, hoxe, Ourense, a próxima xincana celebrarase na Coruña o vindeiro 19 de maio.

0.12687993049622