Amoeiro celebrou o Día das Letras Galegas con música e baile no Campo do Souto

OurenseXa
O evento reuniu alumnado e profesorado das actividades municipais, a Banda de Gaitas e a Escola de Música e Baile Tradicionais Devalar
amoeiro-letras-galegas-2026
22 May 2026

Amoeiro celebrou o Día das Letras Galegas con música e baile no Campo do Souto

O evento reuniu alumnado e profesorado das actividades municipais, a Banda de Gaitas e a Escola de Música e Baile Tradicionais Devalar

O Concello de Amoeiro sumouse á conmemoración do Día das Letras Galegas 2026 cun acto celebrado onte pola tarde no Campo do Souto, no que se combinou actividade física, música tradicional e homenaxe á cultura galega.

Na iniciativa participaron o alumnado e profesorado das clases municipais de mantemento deportivo, acompañados pola Banda de Gaitas de Amoeiro e pola Escola de Música e Baile Tradicionais “Devalar”, nun encontro no que se puxo en valor a convivencia e a identidade cultural.

Tras as actuacións, procedeuse á lectura dunha declaración institucional na que se destacou a importancia da lingua, da cultura e das tradicións como elementos de unión social. No texto tamén se lembrou a figura da escritora e xornalista Begoña Caamaño, á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, pola súa defensa da lingua e da identidade galega.

Durante o acto explicouse tamén o papel das muiñeiras como eixo da celebración, nunha proposta centrada na participación comunitaria e non na exhibición técnica, destacando o carácter aberto e popular da actividade.
A declaración rematou cun chamamento a fortalecer a comunidade a través da cultura e da participación colectiva, reivindicando a música, o baile e o uso do galego como sinais de identidade compartida.

0.12137198448181