Amoeiro prende a mecha das súas festas de Trasalba de San Roque con catro xornadas de música e diversión familiar

Trasalba prepárase para catro días seguidos de celebración. Este xoves 20 de agosto arrincan as 'Grandes Festas na Honra a San Roque 2026', que se prolongarán ata o domingo 23 baixo o xa coñecido lema 'Ata que saia o sol'. A comisión organizadora preparou un programa que combina grandes orquestras con actividades pensadas para todos os públicos.
A xornada inaugural, este xoves, servirá de quecemento con música e touro mecánico a partir das 22.30 horas. O venres 21 chegará a primeira gran verbena, coa Orquestra Capitol e o Grupo La Noria animando a noite dende as 23.30 horas.
O sábado 22 combinará os actos tradicionais pola mañá cunha nova verbena nocturna, desta volta protagonizada pola Orquestra Fania Blanco Show e Dr. Slump, tamén a partir das 23.30 horas.
O peche está previsto para o domingo 23, xornada que arrincará cunha sesión vermú a cargo do Grupo Xoldra. Pola tarde, ás 18.00 horas, o recinto festivo transformarase nunha gran festa de animación infantil, con inchables de auga, escuma e xogos para os máis pequenos. O mesmo grupo, Xoldra, será o encargado de pór o ramo final ás festas coa última verbena, que comezará ás 22.00 horas.
Dende a Comisión de Festas destacan que o programa busca que goce "toda a familia", combinando a música nocturna con propostas como o touro mecánico ou a tarde infantil. Os organizadores lembraron ademais que detrás destes catro días hai meses de traballo previo, con citas como o magosto, o 1 de maio ou San Xoán, celebracións que, segundo sinalan, non terían sentido sen a implicación dos veciños, a súa asistencia a cada evento, as achegas de cada casa e a colaboración das empresas locais. Por iso, a comisión lanzou un convite aberto a toda a provincia para se achegar a Trasalba e compartir estes días de festa.