Andrés Sánchez Rodríguez será o novo candidato do PP á alcaldía de Taboadela

OurenseXa
A formación aposta por un perfil renovador para encabezar o proxecto municipal de cara aos vindeiros comicios
Andrés Sánchez Rodríguez candidato PP Taboadela
1 Oct 2026

A xestora da agrupación local do Partido Popular propuxo a Andrés Sánchez Rodríguez como cabeza de lista para a alcaldía do Concello de Taboadela, un acordo co que a formación busca dar un impulso de renovación ao seu proxecto municipal de cara ás eleccións locais previstas para maio de 2027.

Sánchez Rodríguez, nado en Lobios en 1962, conta cunha ampla traxectoria profesional dentro dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. A súa chegada á política municipal prodúcese, segundo explica, motivada pola falta de evolución que observou no concello nos últimos anos: "Levo 23 anos vivindo en Taboadela e non houbo cambio algún". O candidato engade que a súa intención é "contribuír a que o noso Concello progrese como merece".

De cara á cita electoral do próximo ano, o aspirante popular avanza que o seu plantexamento pasa por combinar "caras novas e experiencia", integrando ao partido ao redor dun equipo baseado no consenso interno. Este enfoque, segundo detalla, permitiralle manter un contacto directo cos veciños, tanto para darse a coñecer como candidato como para coñecer de primeira man as necesidades propias de cada núcleo de poboación do municipio.

Entre as prioridades que o candidato xa perfila para o seu futuro programa destaca, xunto á atención ao benestar das persoas maiores, a necesidade de atraer nova poboación ao municipio. Neste sentido, subliña a posición estratéxica de Taboadela, a só tres minutos do polígono industrial de San Cibrao das Viñas e a dez minutos da capital ourensá. Segundo defende, un aumento da poboación non só dinamizaría a localidade, senón que tamén respaldaría e faría necesaria unha mellora dos servizos esenciais.

Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis Menor, cualificou a proposta de Sánchez Rodríguez como unha alternativa "moi sólida" para recuperar a maioría que, segundo sostén, o PP mantivo tradicionalmente en Taboadela. Menor puxo en valor a capacidade de diálogo e escoita do candidato, así como a súa defensa da unidade e o consenso, describíndoo como unha persoa que ilusiona e que axudará tamén a nivel político a recompor a base do partido neste municipio.

0.31249809265137